O PNV gobernará en solitario

Íñigo Urkullu
O integrante da comisión executiva do PNV, Joseba Egibar, vén de afirmar que o partido jeltzale vai gobernar en solitario pois, afirma, non se dan os "elementos de confianza" para unha coalición. O anuncio non colleu por sorpresa ao resto de formacións parlamentares

 

O presidente do EBB do PNV e integrante da comisión executiva jeltzale, Joseba Egibar, vén de afirmar que esta formación gobernará en solitario xa que non se dan, afirma, os elementos precisos para un executivo de coalición,nomeadamente na cuestión relativa "á confianza".

En declaracións a Euskadi Irratia, Egibar manifestou que o PNV xa ten experiencia en conformar o que son gobernos de coalición e a "confianza de cociña" que precisan, un elemento que non se dá nesta ocasión, apuntou.

 O PNV atinxiu 27 deputad@s nos comicios do pasado 1 de outubro, entrementres a segunda formación, EH Bildu, acadou 21.

O anuncio de Egibar non colle por sorpresa ao resto de formacións, que nestes últimos días incidían en que o PNV xa prevía, desde o día após os comicios, gobernar en solitario.

 "Sen vontade"

Nesta liña, en EH Bildu sinalábase nestes días que o PNV "non ten vontade de chegar a acordos", e que estaba nunha estratexia que non respondía ao que demandaba a cidadanía vasca.

"Consideramos irresponsábel a postura do PNV, a situación que vivimos exixe propostas concretas e a cidadanía merece información sincera e clara das políticas que cada formación aposta por desenvolver", sinalaban desde a esquerda abertzale.