#1anoconSermosGaliza, 12 meses de xornalismo galego na rede, 6 millóns de páxinas vistas,

Sermos Galiza cumpre hoxe un ano na rede. 12 meses de xornalismo galego. Alternativo, subversivo, galego.

 

O xornalismo, pensamos, debe ser alternativo porque a información hoxe ou é alternativa ou é desinformación, silencio, manipulación. Subversivo, porque o xornalismo ten de ser sempre crítico e neste momento ten de propor, para ser real, unha verdadeira subversión do estabelecido, en contraste coa amizade dos lobbys mediáticos convencionais cos poderosos. E galego, porque o noso propósito foi sempre o de contribuír para a criación dun espazo galego de comunicación, nacional, soberano, propio, coas coordenadas aquí e non en Madrid nen Bruxelas.

A nosa foi, é e será unha aposta aberta, radicalmente inclusiva. Apostamos en ser o meio de todos os movementos -sociais, culturais, cívicos, sindicais, políticos...- que existen na nosa sociedade e que se mexen en chaves galegas e populares, desde a autoxestión até a auto-organización.

E apostamos en facer xornalismo porque hoxe facer xornalismo é un acto revolucionario. Xornalismo é furar. Xornalismo é incomodar. Xornalismo é contar as verdades que os poderes quixeran sempre ver veladas.

Unha de cada 4 visitas que recebemos todos os días é dunha IP nova

Nestes meses medramos moito como proxecto e medramos convosco. Cada día somos máis. Como tamén interpretamos que cada día son máis as arelas das galegas e dos galegos a seren verazamente informad@s e a veren o mundo sen óculos emprestados, senón cun ollar proprio. Unha visión do mundo desde Galiza, a comezar do mundo máis propio, do que temos ao noso carón, iso é o que modestamente propón Sermos Galiza. Unha proposta que hoxe, como hai 12 meses, cobizamos que partilledes connosco.

ALGUNHAS CIFRAS

Canta paixón! quen poderá detela?, que escrebiría o grande Xurxo Souto. Paixón por facer xornalismo por e desde Galiza. Podemos traducir en cifras esa paixón. Podemos. Ao longo destes 12 meses, máis de 500.000 usuarios únicos botaron un ollo ao sermosgaliza.com (un usuario único é unha IP, así que estamos a falar de moito máis de medio millón de galegos e galegas!). 1,5 millóns de visitas. 6,2 millóns de páxinas vistas.

Máis de 500.000 usuarios únicos, 1,5 millóns de visitas, 6,2 millóns de páxinas vistas

Unha de cada 4 visitas que recebemos todos os días é dunha IP nova, o cal dá noticia de que cada vez chegamos a máis persoas e de o noso traballo a prol dunha información libre e galega estar a recibir unha moi boa acollida.

Sen querer aborrecervos (e, desde logo, no intuito de fuxir do penoso auto-bombo), achegámosvos unha breve información sobre cales foron as noticias máis vistas ao longo deste o noso primeiro ano de existencia.

O "Retrato instantáneo do noso país", de Francisco Rodríguez, con 18.398, a peza con máis visitas deste primeiro ano de SG na rede

Con 18.389 visitas figura. como artigo máis visto no primeiro ano de Sermos Galiza, a coluna de opinión da autoría de Francisco Rodríguez "Retrato instantáneo do noso país". A segunda peza máis vista, con 15.318 visitas, é "A Xunta homenaxea Rosalía coa escritora Marta Rivera, belixerante contra a normalización do galego".

Foron tamén moi vistas "A Xunta nomea director de Agadic a unha persoa allea á cultura" e "Un músico denuncia a policía que lle rompeu unha man en Compostela", con 10.927 e 9.626 visitas, respectivamente.