'Bochoio' unha aplicación móbil para partillar curriculums

A iniciativa parte de dúas empresas coruñesas, Appeiros Mobile Development e 10D10 e organizan un obradoiro no que darán a coñecer esta aplicación para smartphones. 

 

O papel ficou obsoleto e as novas tecnoloxías gañan a batalla en todos os eidos. O último, a ferramenta por excelencia para procurar traballo. Nun país onde o 22% da poboación está desempregada e a metade da mocidade busca traballo, dúas empresas coruñesas fundadas por titulad@s da Universidade da Coruña lanzan 'Bochoio', unha aplicación para smartphones coa que crear e partillar curriculums vitae. 

A inciativa ten por obxecto axudar a elaborar currículos mais tamén a enriquecelos coa incorporación de elementos multimedia que, aliás, poderán ser partillados dunha maneira doada a través das redes sociais. 

Para dar a coñecer a aplicación e facilitar a súa socialización Appeiros Mobile Development organizan obradoiros na Coruña. O primeiro deles iniciarase esta cuarta feira (10 abril) e procura axudar a persoas en situación de desemprego a incorporar novas fórmulas á procura dun posto de traballo. 

O #tallerdeappeiros terá lugar na aula do CUFIE situada no Edificio de Servizos Centrais de Investigación da Universidade da Coruña.