"Dixen todo o que tiña que dicir"

Enfrontamentos entre manifestantes ás portas do xuízo [Imaxe: Óscar Pinal]
José Luis Baltar declarou hoxe no Xulgado nº 1 por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa. A súa entrada causou incidentes entre un grupo de afectad@s polas preferentes, a Plataforma Stop Desafiuzamentos e cargos e militantes do PP da provincia.

 

O xuízo contra José Luís Baltar por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa chegou ao seu ponto álxido coa presencia nos xulgados de Ourense do propio ex-presidente da Deputación. Diante do Pazo de Xustiza acudiron a dar o se apoio ao ex-líder do PP provincial cargos do seu partido e militantes convocados, segundo circulou entre @s concentrados, a través de varias redes sociais.

Entre @s presentes estaba a deputada no Congreso Ana Belén Vázquez, concelleir@s do PP na cidade e os alcaldes de Celanova ou Xinzo, ademais de concelleir@s de Bande, Lobios, Melón e A Rúa.

No mesmo lugar reuníronse ducias de persoas afectadas polas preferentes e membros da Plataforma Stop Desafiuzamentos de Ourense. Após berrar "contra a corrupción" na Deputación houbo varios incidentes que aumentaron coa chegada do propio Baltar ao lugar. Coa aparición do ex-presidente da Deputación aumentaron os berros en favor e en contra e até o propio Baltar reaccionou con violencia diante das persoas concentradas que o empurraban.

O ex-presidente da Deputación negouse a responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado

Ana Belén Vázquez "móllase" polo ex-presidente

"Estamos totalmente seguros da su inocencia". Ana Belén Vázquez, deputada polo PP no Congreso, defendeu a inocencia do ex-presidente da Deputación de Ourense diante mesmo dos xulgados onde estaba a declarar o ex-líder d@s populares ourensáns.

Acompañada polos alcaldes de varios concellos da provincia. Insistiu na inocencia de Baltar e declarou que as persoas compromisarias do seu partido no congreso celebrado en 2010, contratadas polo propio Baltar na Deputación, "non mudaban o resultado final" do que resultou gañador o fillo do acusado, José Manuel Baltar. A contratación destas persoas pouco antes de que se decidira a sucesión no PP de Ourense é un dos motivos que está a ser investigado polo xuíz deste caso.

 

 

Imaxes: Óscar Pinal

A deputada comentou sobre os incidentes á entrada dos xulgados que José Luís Baltar entrou a declarar "grazas a que os cargos do PP facilitamos o seu acceso" diante da protesta d@s afectad@s polas preferentes e a Plataforma Stop Desafiuzamentos.

Sen declaracións á imprensa

Unha hora e media durou a declaración de José Luís Baltar diante do xuíz no Pazo de Xustiza de Ourense. Ao remate abandonou as dependencias dos xulgados como entrou: sen realizar declaracións á imprensa. O seu único comentario foi, en relación ao interrogatorio diante do xuíz, "xa dixen o que tiña que dicir". No exterior agardaban aínda partidari@s e detractor@s que o recibiron con berros encontrados de "Presidente" e "Corrupto".

Segundo algunhas fontes o ex-presidente da Deputación non quixo responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado. Baltar asegurou descoñecer o procedemento administrativo botando balóns fóra ao asegurar que eses trámites eran "cousa de outros".