"Galiza pola soberanía", lema do BNG para o Día da Patria

Xavier Vence e a executiva do BNG.

"Galiza pola soberanía” é o lema do BNG para un Día da Patria que agardan especialmente reivindicativo diante da crise política e económica que atravesa o país. Xa na perspectiva das eleccións ao Parlamento europeu, Xavier Vence convidou as forzas políticas nacionalistas a partillar unha candidatura unitaria para facer fronte ao modelo neoliberal da UE. Sobre o sector naval, dixo que non só debe demitir Almunia, senón tamén Durão Barroso.

 

O Consello Nacional do BNG preparou, na súa nova xuntanza, a campaña do Día da Patria, unha oportunidade de dar unha resposta contundente á política económica do PP e para demostrar que “Galiza quere seguir viva, que quere loitar polo seu futuro”, dixo o portavoz nacional, Xavier Vence, na rolda de imprensa en que deu conta dos acordos adoptados. 

O portavoz nacionalista situou o 25 de xullo como data no horizonte reivindicativo da formación, mais tamén sinalou no calendario político as próximas eleccións europeas, oportunidade, ao seu ver, “para que Galiza diga que tipo de Europa quer”. Nese sentido, fixo unha chamada ás forzas políticas nacionalistas e de esquerdas para construír unha candidatura “que represente os intereses do país”. Neste sentido, destacou os logros políticos do BNG en Bruxelas e, en concreto, o papel da eurodeputada Ana Miranda para defender a necesidade da presenza do nacionalismo no Parlamento Europeo.

Vence mostrou así a disposición do BNG a chegar a acordos programáticos visando defender os intereses do país na UE. Xavier Vence puxo sobre a mesa a "xenerosidade" do BNG á hora de construír a opción electoral nacionalista e tamén deixou ver a vontade de chegar a acordos con outras forzas soberanistas europeas.  

Á urxencia dunha mobilización contundente no Día da Patria e de garantir a representación nacionalista galega no Parlamento europeu chegou Xavier Vence despois dun discurso en que cualificou de “desastroso resultado” os efectos das políticas económicas e antisociais do PP, quer no goberno central quer na Xunta. Os últimos datos estatísticos que falan dunha sangría demográfica con baixos índices de natalidade e un forte incremento da emigración xuvenil son, ao seu ver, “a máis acaída fotografía do desastre das políticas do PP”.

Almunia non é o responsábel único da ruína do naval galego, senón o modelo dunha UE neoliberal que destrúe tecido produtivo, alegou Vence

O incremento da pobreza sitúase á par do que cualificou como "grande roubo" por parte das caixas de da banca aos pequenos aforradores do país -dixo en alusión ao calote das preferentes-. A actitude do PP definiuna como “a consolidación da estafa que está a provocar a ruína dun grande número de familias e a perda de 600 millóns de euros de aforros consolidados”. 

Golpe mortal para o sector naval

A decisión política é tamén a única forma de vencer o golpe mortal que para o BNG supón o anuncio de Almunia en relación á obriga de devolver as bonificacións do tax lease (arredor de 2.700 millóns de euros, dos cales 1.700 corresponderían a esteleiros galegos). “Son máis diñeiro do que representan os fondos estruturais dos vindeiros sete anos. Non estamos diante dun problema administrativo, senón político” dixo Vence, para quen, Almunia non é responsábel único, senón o modelo de UE neoliberal que está a provocar a destrución do tecido produtivo.

Vence pide a demisión de Almunia, mas tamén a de Durão Barroso, presidente da Comisión Europea

“É o resultado dunha UE administrada polo Partido Popular e un PSOE que lle fai de monaguillo”, dixo Vence quen reclamou un trato de excepción para un país que está a atravesar a maior crise económica dos últimos tempos, consideración que si se tivo con Francia ou Holanda. Pediu, por iso, non só a dimisión de Almunia senón tamén de Durão Barroso, presidente da Comisión Europea. 

Comisión de ocultamento

Xavier Vence cualificou tamén de “comisión de ocultamento” máis que de investigación a que está a funcionar no Parlamento sobre as caixas galegas. “Estamos a ver o que xa denunciamos, isto é, a complicidade de Feijóo co desmantelamento das caixas; todo respondía a un plan preestablecido da banca con obxecto de reconquistar o mercado e quitar de Galiza as competencias no sector”, sinalou ao tempo que denunciou o facto de o PP ocultar sistematicamente información a esta comisión de investigación.

O portavoz nacional do BNG enfatizou que Feijóo non só sabía que ían desaparecer as caixas, senón que tamén coñecía as condicións en que foron comercializadas as preferentes

Feijóo non só tiña coñecimento do proceso que se ía seguir coas caixas senón, segundo dixo, tamén das condicións de venda das accións preferentes e das indemnizacións millonarias que ían cobrar os directivos das caixas. “O futuro pasa por ter un sistema financieiro propio e, como é a aposta do BNG, por unha banca pública galega”, así defendeu Xavier Vence a aposta do BNG, por ter unha banca publica galega.