A marea negra do Prestige, a xuízo dez anos despois

No banco d@s acusad@s sentarán o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, e o capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras. Ambos ou dous están imputados por delitos contra o medio ambiente e danos en espazo natural protexido

O xuízo oral do caso Prestige arrincará o 16 de outubro, case dez anos despois de que o petroleiro partise á metade nas augas do Atlántico, deixando máis de 77.000 toneladas de chapapote na costa galega. A Audiencia Provincial da Coruña estimou que o proceso se prolongará até o 29 de maio de 2013.

Serán sete meses nos cales polo banco d@s acusad@s pasarán o capitán do barco --Apostolos Mangouras--, o xefe de máquinas --Nikolaos Argyropoulos-- e o primeiro oficial --Ireneo Maloto, declarado en rebeldía, polo que será posíbel xulgalo sen estar presente--, para declararen como acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia. Alén deles, está acusado tamén o daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luís López-Sors, neste caso dun delito contra o medio ambiente e danos.

Así mesmo, están imputados como responsábeis civís directos a aseguradora The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos e, como responsábeis civís subsidiarias, as navieiras Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd e o Estado español. A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil ascende a 1.264 millóns de euros. O lugar de celebración do xuízo "decidirase en datas próximas", segundo informaron fontes xudiciais.

Nun auto de 25 folios, a sala que enxuizará estes feitos --unha maxistrada e dous maxistrados-- recolle os criterios polos que foron admitidas unhas probas e refutadas outras. Non se admitirán como testemuñas autoridades que non interviron nin presenciaron a catástrofe, e @s técnic@s non poderán ser chamad@s a declarar en calidade de peritos. Na relación de testemuñas, sinálase que foi admitida a petición do Estado español de que o exdirector xeral da Mariña Mercante non fose admitido, aínda que declarará como acusado. E tampouco declararán como testemuñas os patróns maiores das confrarías de Galiza, Asturias nin Cantabria.

Até 2.128 partes son as que están previstas para se presentar na causa contra @s responsábeis dun dos maiores desastres ecolóxicos do Estado español. Entre elas están as confrarías de pescador@s de Galiza, Cantabria e Asturias; a plataforma Nunca Máis; os Estados español e francés; concellos; a Deputación da Coruña, a Xunta de Galiza e particulares afectad@s pola marea negra. Foron admitidas 133 testemuñas e un total de 98 probas periciais.