A subida do material escolar afogará aínda máis as familias


Boligrafos, cadernos ou lapiceiros pódense converter en material de luxo. O comezo de curso será aínda máis duro para familias cos seus membros en paro e os salarios mermados. O goberno decidiu subir o IVE do 4 ao 21 % e o PP terá que responder á oposición que xa demanda actuacións contra.

 

A subida até o 21 % do material escolar está a provocar o malestar dos distintos sectores da comunidade educativa, en especial pais e nais que se atoparán cun comezo de curso aínda máis difícil nun momento de afogo económico para moitas familias. Despois de dar carpetazo á gratuidade dos libros de texto, esta nova medida pola que se elimina a redución do IVE dos produtos escolares como libretas, folios ou bolígrafos afondará nun setembro crítico en moitas casas con nenos e nenas en idade escolar. 

As persoas máis afectadas pola medida serán, sen dúbida, pais e nais que terán que afrontar un inicio de curso áinda máis complexo. Fernando Lacaci, presidente da Federación de Anpas de Compostela, sinala que o goberno do PP “está a demostrar que a educación non lle importa porque grava cos mesmos impostos un caderno escolar que unha xoia. Hai gobernos que apostan polo futuro e outros pola miseria e este xa está a mostrar cal é a súa liña”. Para Lacaci, as familias “xa terán que asumir a subida do 3% no gasto ordinario co cal este incremento vai ser moi duro. O peor, de todas maneiras, é o que isto indica. Hai productos innecesarios dos que se podería prescindir pero isto atenta contra o futuro social”.

Que Feijóo explique

A través da deputada Carme Adán, o BNG xa presentou no Parlamento Galego unha interpelación na que insta ao goberno de Feijoo a valorar o impacto social e económico da subida do IVE nos materiais escolares e demanda actuacións para frear as consecuencias no inicio do curso. “Para moitas famlias é un dos momentos máis duros e este será o peor dos últimos anos. Moitos nenos e nenas van ter dificultades para ir á escola co material escolar preciso porque o goberno do PP lle está roubando o seu futuro” comenta a deputada nacionalista. Reclama do goberno de Feijoo “en primeiro lugar qu enon aplique a medida, que é o que o BNG demandamos neste momento” pero “ se non ten a valentía de o facer que desenvolva actuacións encamiñadas a que nenos e nenas que vivan en casas con dificultades económicas podan acceder ao material escolar preciso para o novo curso. A suba do IVE para este tipo de productos é inaudita”.

Para Anxo Louzao, secretario nacional da CIG- Ensino, o incremento do IVE para os productos escolares “afonda na dirección da polícita educativa do PP dun ensino cada vez máis restrictivo, nunha medida que se vai notar fundamentalmente en familias de nivel adquisitivo menor”. Ao seu ver, “estase a golpear ás clases populares que van ter dificultades para afrontar o principio de curso cun desembolso que moitas non van poder soportar”.

Despois do carpetazo aos libros gratis

“Nunha época de crise é inmoral que un goberno retirara a reutilización dos libros de texto. Compróbase que se trata mesmo dun despilfarro social nun tempo no que compre tomar medidas intelixentes que aforren sen mermar dereitos sociais adquiridos” comenta Carme Adán ao respecto da gratuidade dos libros de texto. Tamén para Anxo Louzao “é impresentábel que quen suba o IVE do material escolar é a mesma administración que destruiu libros de texto por estaren en galego e liquidou a política de gratuidade que permitía a súa reutilización”.

Fernando Lacaci, destaca as iniciativas sociais como bancos de libros que están a nacer despois da desaparición da gratuidade por parte do goberno, decisión que lamenta en canto “ademais de favorecer ás familias, promovía a colaboración, a reciclaxe e ensinaba a compartir co cal a nivel educativo era de grande relevancia”.