Ana Pontón non retira o termo corrupto en alusión a Feijóo porque "a mentira é corrupción"

Ana Pontón
O clima da Cámara galega víciase por sesións. Após o veto á cidadanía do 29 de xaneiro e dos recén estreados "criterios de ordenación das visitas" a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, mantén unha actitude belixerante cos grupos da oposición e c@s convidad@s á tribuna. As expulsións sucédense e as amonestacións @s parlamentares convértense na tónica xeral das sesións plenarias.

 

"A mentira é corrupción e Núñez Feijóo mentiu no hemiciclo. Feijóo é un corrupto". Estas foron as verbas pronunciadas pola deputada nacionalista, Ana Pontón na primeira sesión de control ao Goberno celebrada esta cuarta feira no Pazo do Hórreo. As aseveracións da parlamentar do BNG custáronlle a amonestación de Pilar Rojo cunha chamada á orde e a imposición por parte da presidenta da retirada das mesmas da acta. Pontón negouse a retirar o termo "corrupto" co que se referiu a Feijóo e non puido nin exercer o dereito a réplica por alusións.

Esta semella que será a tónica xeral que prime nas sesións parlamentares esta lexislatura. As confrontacións entre os grupos da oposición e o Partido Popular son cada vez máis habituais e non atinxen de maneira exclusiva @s representantes senón que se extenden á tribuna de convivad@s.

O réxime de visitas da Cámara podería deixar ao BNG sen convites

Representantes da Plataforma das Artes escénicas e musicais foron expulsad@s da tribuna do Parlamento por apuparen desde as bancadas ao conselleiro de Cultura após a negativa deste a responder ás preguntas formuladas pola propia Ana Pontón, quen apelou ao recurso de amparo na procura de que a presidenta exixise ao conselleiro centrar a súa intervención nas cuestións polas que for inquirido. Axiña ordenou a saída da Cámara d@s convidad@s que demandaban explicacións para un sector que adoece polo desleixo da Xunta de Galiza. "Vostede pregunta o que lle parece e o conselleiro responde o que considere" foi a resposta que a deputada nacionalista --e por conseguinte @s membros da Plataforma das Artes escénicas e musicais-- recibiu da presidenta da Cámara cando demandaba concreción na intervención de Jesús Vázquez.

De acordo cos criterios impostos por Rojo, a expulsión das persoas convidadas polo BNG que presenciaban a interpelación desde a tribuna suporá para o grupo "deixar transcorrer un pleno para poder propoñer invitados" e para @s artistas, o veto de entrada á Cámara no que resta do período de sesións. Aliás, "en caso de reincidencia" --continúa o documento publicado polo Parlamento-- a perda "como mínimo" do cupo de convites asignado para a lexislatura.

Malia que Rojo asegura que o novo réxime de visitas só recolle "por escrito" o acordo verbal que rexeu nas anteriores lexislaturas, o certo é que as manifestacións decorridas nos pasados períodos de sesións nunca supuxeron sancións administrativas para os grupos políticos, agora "responsábeis" da "desorde" parlamentar.

Convocatoria da Comisión do Estatuto de Deputad@s

Primeira sesión ordinaria e primeira expulsión dun parlamentar do hemiciclo. Ao vice-presidente da Cámara, Miguel Santalices non lle tremeu a voz para botar do Plenario ao deputado da Alternativa Galega, David Calviño, após unha brincadeira de entroido sobre a corrupción na contabilidade do Partido Popular. A decisión adoptada por quen presidía a sesión foi duramente criticada por AGE, BNG e PSdeG que denunciaron unha actitude "extralimitada" de Santalices no exercicio das súas efémeras funcións como presidente.

Ducias de antidisturbios cercando o Hórreo e controis de seguridade que exceden do habitual súmanse ao control que o Partido Popular está a exercer sobre o Parlamento nunha lexislatura que se albisca de conflito social mais tamén político.