A Audiencia Nacional pide 18 anos de prisión para o independentista Hadriam Mosquera, 'Senlheiro'

'Que voltem para a casa' pide o translado de 'Senlheiro' á Galiza [Imaxe: Amaía]

O xulgamento contra o mozo, detido o 8 de xaneiro de 2013, decorrerá en Madrid os días 3, 4 e 5 de marzo. No escrito da acusación dirixido contra el, a fiscalía impútalle os delitos de tenza de explosivos e pertenza a banda armada. 


Até 18 anos de prisión para o independentista Hadriam Mosquera, 'Senlheiro'. Son os que reclama a fiscalía da Audiencia Nacional española no escrito de acusación que dirixiu contra o mozo, veciño do lugar de Quistiláns, Ames, onde mantén máis unha vez a imputación por pertenza a banda armada, segundo confirmou a Sermos Galiza o avogado do preso, o vasco Endika Zulueta.

Para alén dos 10 anos que reclama por este delito, pide outros 8 por tenza de explosivos. Desta maneira, e ao igual que fixo xa a respeito d@s independentistas María Osorio, Antom Santos, Roberto R. Fialhega 'Teto' e Xurxo R. Olveira, o tribunal español esixe para 'Senlheiro' a condena máxima en relación aos delitos que lle atribúe. Será xulgado en Madrid os días 3, 4 e 5 de marzo.

Un ano en prisión preventiva e a 325km da Galiza

A Guardia Civil prendeu Hadriam Mosquera (Quistiláns, 1985) o 7 de xaneiro de 2013 namentres camiñaba polo monte dos Batáns, situado a uns 500 metros da súa casa e lugar habitual de paso da veciñanza do lugar. Dous días despois pasou a disposición do xuíz Fernando Andreu e negou calquera vinculación coa bolsa de explosivos pola que se lle atribúe un delito de tenza. O atestado da policía non confirmaba o testemuño do mozo, mais non dicía tampouco que Mosquera levara enriba a devandita bolsa. 

Así, os dous termos metálicos que o ministerio de Interior vinculou co independentista terían sido localizados no interior dunha casa en ruínas. Após negar calquera vinculación con organización armada ningunha e tamén con ningunha organización política, 'Senlheiro' insistíu en que "non tocou nunca" os termos e solicitou unha proba de ADN que avalara a súa versión. Segundo fontes ás cales tivo acceso este xornal, tal proba tería confirmado o testemuño do mozo.

Diante do xuíz Andreu, Mosquera tamén denunciou torturas, especificando que foron psicolóxicas e que se produciron no monte, no tempo que transcorreu desde as oito do serán, cando foi detido, e as doce do mediodía da xornada seguinte, cando o transladaron ao seu domicilio para proceder co rexistro. Desde o 10 de xaneiro de 2013, o independentista fica preso, clasificado en réxime FIES 3 e submetido á dispersión. Após pasar polo penal español de Soto del Real, na actualidade continua en prisión preventiva no cárcere de Villabona, en Asturies, a 325km da Galiza.