Carlos Blanco abre unha “reinventada” Feira do Libro en Compostela

Feira do Libro de Santiago

Co pregón de Carlos Blanco e a participación das asociacións da cidade, a Feira do Libro en Compostela ábrese “reinventada” no paseo central da Alameda. Cultura ao pé dos libros do día 27 de abril a 5 de maio. 

Será a XXXII Feira do Libro de Santiago e volverá a encher o paseo central da Alameda de actividade cultural do sábado 27 ao domingo 5 de maio, en horario laboral de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 e os fins de semana ampliando o peche de mediodía a 14:30. 

Contacontos, recitais, música e moitas presentacións de libros que completan un singular programa no que, tamén de maneira novidosa participarán asociacións e colectivos da cidade como a  Xuntanza de San Pedro, a Asociación do Traxe Galego ou O Galo, entre outras. A Biblioteca Ánxel Casal levará tamén á feira unha mostra de libros para crianzas. 

Na presentación da Federación de Librarías de Galicia, o vicepresidente, Xosé Antón Pedreira sinalou a “case reinvención” que están a experimentar as feiras, co fin de facelas máis atraíntes á cidadanía, entre outras, coa maior participación cidadá, biblioteca infantil ou mesmo ao mudar o pregón tradicional por un monólogo de Carlos Blanco. Pola súa parte, a coordinadora das Feiras, Mar Vázquez destacou que, mália a crise, as expectativas son boas, e, de feito, xa se experimentou un incremento na primeira que tivo lugar en Ferrol. 


O monólogo de Carlos Blanco o 27 ás 13 horas porá o inicio a un programa que contará con presentacións de libros de María Solar, Agustín Fernánde Paz, María Reimóndez, Pere Tobaruela, Xosé Mª Lema, Francisco Singul, Chisco Fernánde Naval, Antón riveiro Coello,Valentina Formoso, Manuel Portas ou Antón Cortizas, entre outros. O programa inclúe tamén outros actos literarios como o Encontro de Nova Fantasía Galega artellado por Contos Extraños Editora e Urco Editora, ou apresentación da colección Xornalista de Reverso Edición.  Coa participación das asociacións locais terá lugar un obradoiro de ganchillo da asociación A Xuntanxa, actuación da coral da Asociación Cultural Solfa ou o coloquio “Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos”, con Katlheen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro da Agrupación Cultural o Galo. 

As crianzas poderán participar no  obradoiro de maxia co Mago Toño, contacontos musical da Avoa Youja, obradoiro de oragami, contaconto poético musical de Servando Barreiro, obradoiro de Yolanda Castaño ou obradoiro de Títeres Babaluva.