Un caro despropósito nas vías galegas

Até tres autovías ou autoestradas tiveron que pecharse nunha mesma fin de semana na Galiza. Defectos de planificación que paralizan a A-8 pola néboa ou o vento e provocan accidentes; atascos interminábeis en Vigo ou o clásico escándalo das peaxes reabren a polémica sobre as infraestruturas galegas. 

Brétemas, accidentes, cortes continuados, atascos e altos prezos nun negocio privado con diñeiro público pero damninifad@s do común. Así se pode resumir, nas súas diferentes versións, a desfeita viaria que sofre Galiza, moi acusada nestes últimos días de verán. A Autovía do Cantábrico (A-8), nun tramo de 16 quilómetros na provincia de Lugo, viuse obrigada a interromper a circulación. A néboa forzou esta decisión, poucos días despois de esa mesma circunstancia provocar un accidente cunha persoa morta e que puido ser aínda moito peor.

Pasando ao eixo atlántico, a realidade do verán é nos accesos a Vigo pola autoestrada e Rande un auténtico pesadelo. En dirección á zona do Morrazo, as retencións na fin de semana poden alcanzar os cinco quilómetros. Noutros puntos urbanos, especialmente en Compostela -na entrada de Teo- e na Coruña en dirección aos areais da Mariña, por exemplo Miño, tamén se dá esta circunstancia, pero sen alcanzar as dimensións viguesas. Moit@s d@s usuari@s acusan destes problemas ao lento proceso de cobro nas cabinas de Audasa, a concesionaria que obtén un enorme beneficio da AP-9, tamén numerosas protestas.

Ante as queixas, Audasa afirma que reforzou a presenza de persoal nas cabinas de cobro, mais, no caso de que esa versión sexa real, non foi suficiente en moitos puntos, onde as retencións continuaron. O enfado chegou ás esferas gobernamentais. A Xunta pediu a Fomento que interviñese, e a propia ministra ameazou con quitarlle a Audasa a concesión, algo que despois recoñeceu que non faría. Fogos artificiais de agosto.  

Toda a información sobre este asunto, ao completo no nº 110 do Sermos Galiza, xa nosa loxa e nos quiosques