A CIG-Ensino denuncia o veto de Educación ao galego na FP a distancia

.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación está a impedir o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia. 

Segundo o sindicato nacionalista, maioritario no ensino, a Consellaría de Educación eliminou da Plataforma de formación a distancia os materiais elaborados en galego para os substituír por outros en español. A CIG-Ensino asegura que teñen constancia de que nos ciclos de Emerxencias Sanitarias e Administración e Finanzas, cando menos, o alumnado xa só ten acceso a materiais en español a través da plataforma da consellaría de Educación Platega. 

“A situación é moi grave se consideramos que os cursos anteriores a metade dos módulos tiñan o seu material editado en galega, mais a Consellaría fiel ao seu afán desgaleguizador retirounos para substituílos por outros integramente en español”, denuncian desde a CIG-Ensino. 

Lembran tamén que en reiteradas ocasións reclamaron á Dirección xeral de FP que se establecera os módulos que deberán ser impartidos en galego nos currículos dos ciclos formativos, demanda que a Consellaría, segundo apuntan, se nega a responder. “A Consellaría lonxe de cumprir coas súas obrigas mesmo incumpre o Decreto 79/2010 de uso da lingua galega no ensino elaborado por ela, impedindo pola vía dos feitos o cumprimento da cativa normativa sobre o noso idioma”, sinalan arredor dun decreto no que se contempla unha “oferta equilibrada” de materias e módulos en galego e castelán para garantir a competencia nas dúas linguas. 

Reclaman a restitución de manteríaos en galego para garantir, “como mínimo, o que fixa a lexislación que é a oferta equilibrada de módulos en galego e castelán e o coñecemento do vocabulario específico na nosa lingua”.