A CIG esixe que se pare o apercibimento á mestra por non participar en actividades confesionais

.

A docente negouse a participar no festival de Nadal. Segundo Educación ten obriga a colaborar na actividade, polo tanto entende que ao non facelo incorre en falta. 

Á interpelación da CIG, o Xefe Territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, que foi concelleiro e presidente do PP de Tomiño, manifestou que a docente recibiu un apercibimento, o que se corresponde cunha falta de carácter leve, xa que, segundo defende, a profesora ten obriga de participar na actividade ao estar incluída no Proxecto Xeral Anual do centro. Aínda máis, Pérez Ares engadiu que continuarían apercibindo á docente de insistir na súa actitude con respecto aos festexos confesionais, o que a CIG-Ensino entende como “unha ameaza que ten por obxecto impedir a libre decisión do profesorado nestas situación”. 

O sindicato nacionalista critica a actitude da administración educativa e defende un “ensino laico e que a relixión non forme parte do currículo escolar”, co cal,  reitera tamén a necesidade de garantir a liberdade do profesorado para se negar a participar en actividades que entrarían dentro da categoría de confesionais. Ao seu ver, a aplicación que desde a Xunta se está a facer do Réxime Disciplinario é “moi grave”, igual que o procedemento xa que Pérez Ares informou da sanción diante da Permanente da Xunta de Persoal sen estar finalizado o trámite de audiencia á docente que continúa, máis de catro meses despois do conflito, sen ter resposta as súas alegacións. Critica tamén a CIG.Ensino que a consideración de “falta leve” esquecendo que a docente avisou xa no claustro celebrado no mes de outubro da súa negativa a participar en actos de carácter confesional e que se mantivo no seu posto de traballo durante toda a xornada. 

Marta Dacosta: " O que procede é defender a liberdade docente e esixir que non se castigue pola maneira de pensar"

A proposta de resolución presentada pola CIG na Xunta de Persoal Docente de Pontevedra para a anulación do expediente foi aprobada por unanimidade mais o Xefe Territorial negouse a asumir a proposta. De se manter a falta, ao seu ver, trataríase dun “caso de represión por motivos relixiosos” ao tempo que reclama que se “comunique aos centros que a participación nese tipo de actos terá sempre o carácter de voluntaria, tanto  para o profesorado como para o alumnado.” Unha vez elevada a resolución ao Xefe Territorial este negouse a recoller a proposta aprobada.

“Reclamamos que non se produza o apercibimento e que non se lle dea categoría de falta leve. O que procede é defender a liberdade docente e esixir que non se castigue pola maneira de pensar. Non se pode permitir que Educación prescriba a participación en actividades de carácter relixioso”, sinala Marta Dacosta, da CIG-Ensino. 

O caso da profesora K.M.E., do Centro Rural  Agrupado A Picaraña, saíu a luz hai catro meses a través dunha denuncia de Esculca, entidade á que a docente comunicara a súa situación. K.M.E. tería alertado ao centro de que o deseño do festival vulneraban o principio de neutralidade en materia relixiosa á que teñen obriga as institucións escolares mais mantivérase en todo tempo no centro escolar durante a xornada do festival de Nadal á que se refire a falta leve que agora se lle aplica.