Consumidor@s fronte os abusos e a factura dos floteis, neste nº82 do Sermos

Máis un número do semanario. Falamos da batalla municipal dentro do PP, da cita das europeas, dos floteis de Pemex ou da loita d@s consumidor@s ante os abusos, entre outros moitos temas.

Máis un número do Sermos Galiza saíndo do prelo. E xa van 82. Neste semanario debullamos a loita d@s consumidor@s contra os abusos. Telecomunicacións, sector financeiro, electricidade, aseguradoras e superficies comrciais acaparan a maioría das denuncias.

Tamén nos achegamos á batalla interna do PP nalgúns concellos e da cita dos comicios europeos de maio, unha cita na que o soberanismo quer estar presente e con protagonismo. Tamén che falamos do ex-responsábel de Novagalicia Banco liquida a súa sociedade eólica pantasma, que ben que empregou para batallar contra o bipartito.

Educación sexual

Nas páxinas deste nº82 achegámonos a como Xunta e Estado se preocuparon de derrubar calquera tipo de política ou iniciativa pública en materia de educación sexual. A situación de Ferrol Vello (abandono e decadencia, coa casa de Carvalho Calero como exemplo) tamén é denunciada neste semanario do Sermos Galiza.

E Pemex. Case 500 días despois de que Feijóo anunciase os 2 floteis de Pemex, estes foron adxudicados a Navantia e Barreras. Falamos con traballadores que explican que fica aínda moito por percorrer para saír da crise do sector.

Senunpeso e 'Galicia, algo máis'

Neste número entrevistamos a Aberlardo Rendo, da asociación Senunpeso, nada no berce do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV); e a Suso Mon, director do programa da radio 'Galicia, algo máis', que leva an os a se emitir en galego en Catalunya.

E moito máis: Okapi, crítica literaria e cinematográfica, a visita ao Foxo de Coto de Eira da man de Viaxes na Miña Terra...