O que custa converter A Coruña en Laponia

Laponia na Coruña

A Praza de María Pita convértese de novo neste Nadal nun poboado lapón e o goberno local do PP pagará por esa transformación por volta de 140.000 euros. Máis de 90.000 gastará en alugar as carrozas da cabalgata de Reis, un 160% máis que no goberno anterior. 

Ao goberno municipal a construción do poboado cústalle 70.785 euros ao que hai que engadir o contrato de animación, que aínda non saíu publicado mais que o ano pasado ascendeu a 72.545 euros. A Praza de María Pita volver tomar, como no Nadal anterior, aspecto de poboado lapón ao insistir o goberno de Carlos Negreira en repetir unha instalación que provocara fortes críticas o pasado ano polo ostentosa e excesiva da escenificación navideña en tempo de crise. 

O goberno do PP da Coruña anunciou tamén o primeiro contrato para a cabalgata de Reis, que ascenderá, só en aluguer de carrozas, a 91.960 euros, un 40% máis que o pasado ano e un 160% máis que o anterior goberno local. Serán 800 metros de cabalgata, con 13 carrozas, 6 trens e 5 compañías de animación. 

O luxoso Nadal coruñés tampouco aforra en iluminación, desta volta cun contrato bianual licitado o pasado ano por 600.000 euros. 

Desde a oposición, o Grupo Municipal do BNG lamentou que o PP “dilapide” cartos públicos nun momento de crise económica no que, só na cidade, no último mes rexistráronse 300 persoas máis no desemprego e criticou que o goberno de Negreira fixera os anuncios no momento en que unha veciña estaba a ser desafiuzada. Pola súa banda, o presidente da Federación de Comerciantes valorou que o investimento no poboado lapón non reporta beneficios para o sector nin ten o impacto positivo co que o goberno local argumenta o investimento.