Datado o xuízo contra 12 galeg@s que respostaron unha manifestación de Galicia Bilingüe

Imaxe da manifestación [Arquivo SG]

A vista realizarase os días 25, 27 e 28 de febreiro após ficar adiada desde outubro de 2012. Están chamadas a declarar como testemuñas da acusación a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago; e a voceira de UPyD, Rosa Díez.


Os días 25, 27 e 28 de febreiro decorrerá no xulgado de instrución nº2 de Santiago de Compostela o xuízo contra 12 galeg@s imputad@s por participaren na contra-manifestación organizada o 8 de febreiro de 2009 en resposta a aqueloutra "contra la imposición del gallego" convocada por Galicia Bilingüe e apoiada, entre outras siglas, por UPyD e por caras coñecidas do PP como Alfonso Rueda (vicepresidente da Xunta), Ana Pastor (ministra de Fomento) ou Carlos Negreira (alcalde da Coruña) e outros non tan coñecidos mais dirixentes de colectivos como Falange.

En conxunto, a fiscalía solicita 46 anos de cárcere e 34.000 euros de multa. O xulgamento ficara adiado 'sine die' en outubro de 2012, ao introducir o ministerio fiscal cargos adicionais para tres dos imputados que non aparecían contemplados no escrito da acusación. Segundo informa o avogado Alejandro Cortizas en conversa con Sermos Galiza, @s 12 están encausad@s por un delito de desordes públicas polo cal a fiscalía reclama 2 anos de prisión, 24 anos en total.

De maneira individual imputáronse tamén delitos de danos, atentado contra a autoridade e lesións polos que tamén se piden dous anos de cadea. En total, as penas de cárcere solicitadas para cada unha das persoas que sentará no banco d@s acusad@s vai dos dous até os sete anos. 

Entre as testemuñas que están chamadas a declarar atópanse Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, e Rosa Díaz, voceira de UPyD no Congreso español. Na primeira xornada do xulgamento en 2012, cando ficou adiado, ningunha das dúas estaba presente na sala. Tal e como estaba previsto xa daquela, na segunda xornada tomaráselle declaración a máis de vinte axentes da policía española. Por derradeiro, na terceira xornada declararán as testemuñas da defensa. 

 

"A fiscalía pretende que 12 galeg@s que defenden a nosa lingua pasen por verdugos"

O vídeo colocado corresponde á rolda de imprensa que tres dos imputados realizaron en días previos ao xulgamento de outubro de 2012 canda a representantes das organizacións políticas BNG, Anova e Causa Galiza. Explicaron que a contra-manifestación foi convocada en resposta "á manifestación do odio contra a nosa lingua", destacaron o carácter "político" do proceso xudicial e cualificaron o acto de Galicia Bilingüe de "provocación que non podía ser normalizada".