Empregad@s públicos volven á rúa contra os recortes
Miles de empregad@s públic@s volveron se manifestar e mobilizar este xoves contra os recortes do gobernod e Rajoy, nunha protesta que sirve de limiar para as manifestacións convocadas nas sete cidades galegas este luns, 30 de xullo, polas organizacións sindicais.
Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.
Fronte a todas estas medidas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, CSI•F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, ANPE, STAJ, CEP, SUP, UFP, AUGC, UniónGC, CGT e USO fixeron unha chamada a participar nas manifestacións convocadas para o luns 30 de xullo.
Horarios e lugares das manifestacións do día 30 de xullo:
A Coruña, saída ás 19:30 horas dende a Praza de Pontevedra
Ferrol, saída ás 20:30h dende a Praza de España
Santiago de Compostela, saída ás 19:30 horas da Praza Roxa.
Lugo, saída ás 19:30 horas dende o Edificio administrativo da Xunta.
Ourense, saída ás 20:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
Pontevedra, saída ás 20:30 horas dende a Praza da Ferreiría.
Vigo, saída ás 20:30 horas dende a Vía Norte.