A esposa de Baltar xestiona unha cafetería municipal por menos dun euro anual

El País desvela que o local é xestionado por unha sociedade creada por María Caldelas e un empresario hosteleiro de Ourense.

Unha cafetería nun local de propiedade municipal no centro de Ourense é xestionado pola ex-deputada do PP e esposa do presidente da Deputación ourensá a través dunha concesión por 0,60 euros anuais. Cóntao El País na súa edición desta sexta feira, lembrando que o local foi sacado a concurso polo Concello nos sesenta e adxudicado por 50 anos cun canon anual de 100 pesetas (0,60 euros). Esta cantidade sería revisábel cada ano mais isto nunca se fixo e séguese a pagar os 60 céntimos.

O local é unha construción de 186 metros cadrados, ademais de terraza con barra exterior. No mes de marzo pasou a ser xestionado, segundo El País, por unha sociedade (Jardín Japonés S.L) creada hai uns meses por María Caldelas e outro empresario.

Mais ao goberno local, relata este xornal, non lle consta cambio algún da titularidade. O PP ourensán ratifica a legalidade do traspaso mais desde o BNG falan de “clamoroso trato de favor”. Xuristas consultados polo País consideran que, ao se tratar dunha concesión, a xestión debía ser sacada a concurso.