O exército español ten un vertedoiro marítimo de municións contaminantes a 21 millas de Ferrol

As forzas armadas botaron milleiros de toneladas de municións caducadas fronte costas españolas e galegas até que esa práctica se prohibiu, segundo desvelou 'Materia'. Verteduras que implican un risco de contaminación por metais pesados.

O exército español verqueu durante décadas milleiros de toneladas de municións e explosivos en seis vertedoiros submariños, un deles na costa galega, a apenas 21 millas de Ferrol. Un feito que o propio gabinete do Estado Maior confirmou ao medio 'Materia' (web de novas sobre ciencia, medio ambiente, saúde e tecnoloxía), que é quen publicou esta información.

Estes puntos eran denominados oficialmente como 'Zonas de lanzamento de cargas de profundidade e vertedoiros de explosivos'. A partir do 1 de xaneiro de 1995 non volveron acoller verteduras do exército pois entrou en vigor o Convenio de Londres, un acordo internacional asinado polo Estado español e outros 85 países para reducir a contaminación nos mares.

F-130

Desde as Forzas Armadas españolas afirman que non poden dar máis información alén de que o que se botaba nesas zonas era 'munición convencional'. A denominación para o ponto en augas atlánticas a 21 millas de Ferrol onde se botaban as municións era F-130.

John Mouat, subsecretario do Convenio Ospar (Convenio para a protección do medio mariño no Atlántico Nordeste), recoñeceu a 'Materia' que para a súa organización o F-130 era un simple punto no mapa pois, a diferenza doutros casos, “desafortunadamente, non temos datos precisos”.