Guillerme Vázquez: “A diferenza doutros, eu non nomeo sucesor”

Guillerme Vázquez
Entrevista ao portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, na Radio Galega. Perguntado por se ten algunha preferencia sobre a persoa que debería asumir a portavocía nacional na Asemblea Nacional do 17 de Marzo, o líder nacionalista afirmou: “Non teño preferencia ningunha. A diferenza doutros, eu non nomeo sucesor. Non son o Rei. Decidirá colectivamente o BNG”.


Guillerme cualificou de “difícil” a situación pola que atravesa o BNG e mostrou a súa esperanza en que a formación frentista sexa capaz de “remontar”. Sobre a asemblea nacional en curso, cuxo plenario se realizará o 17 de Marzo en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos), o portavoz nacional afirmou que  o debate está a ser “de abaixo a arriba” e “moi participativo”.

A Asemblea, engadiu, visa culminar ese proceso “facendo unha oferta política a sociedade galega” na perspectiva dunha forza “comprometida até lixarse con Galiza e coas clases populares”.

O xornalista Xabier Ares perguntoulle ao portavoz nacional se non é suicida teimar na aposta soberanista cando o BNG nas recentes eleccións galegas pasou de 12 a 7 deputad@s. “O que sería suicida”, retrucou Guillerme, “sería defender a política actual que ten as consecuencias obxectivas que ten, co país caíndose a cachos. Acaso Galiza non necesita máis soberanía para conseguir o dique flotante, unha tarifa eléctrica propia, unha banca pública?”, perguntouse.

Enfatizou que o debate da soberanía é hoxe “o debate que percorre o mundo inteiro”. “Percórreo en América Latina, percórreo en Europa, até en Norteamerica, no Quebec. É o debate en Euskadi, en Flandres, en Escocia. Fronte a unha globalización que supón o saqueo dos pobos, é preciso ter capacidade de decisión, capacidade de autogoberno das clases populares”.

Inquerido a respeito das declaracións realizadas na Radio Galega por Beiras en virtude das cais sería un “monumental erro” levar a declaración de soberanía ao Parlamento galego, Guillerme repuxo que “esa é unha opinión” e “cada quen que opine o que queira”. “Mais hoxe ese é o debate, o debate que percorre o mundo. Velaí temos Bolivia. Toma decisións, equivocadas ou non, pero pode tomalas porque ten soberanía. É o debate que percorre Escocia, Catalunya, Quebeque”, teimou o portavoz nacional do BNG. “Non sei se será un erro, mais se é un erro, é un erro mundial”, ironizou.

No que di respeito ao seu futuro, Guillerme contestou lacónico: “O meu futuro inmediato é reincorporarme ao meu posto de traballo [é profesor nun instituto de formación profisional]. E polo demais, xa sabe vosté que un non pode nin saber que lle vai deparar o día de mañá”-