Jorquera di que a política do PP conduce a mocidade ao paro e á emigración
A mocidade é un dos grupos que máis está a padecer a crise e con mozos e mozas se xuntou o sábado día 16 o candidato á Xunta polo BNG, Francisco Jorquera para lles presentar as propostas do BNG para a xente máis nova. No marco do acto con mozos e mozas, criticou as recomendacións do FMI polas que urxía ao goberno de Rajoy a subir o IVE e recortar salarios de xeito inmediato. Ao seu ver, as indicacións “demostran a onde conduce a ausencia de soberanía, a que se diten as políticas económicas dende ámbitos que non emanan do ámbito democrático dos pobos, con receitas que son lesivas para intereses e necesidades da maioría”. Francisco Jorquera, na conversa con mozos e mozas de Galiza Nova, afirmou que o goberno de Feijoo e do PP está a condealos á “emigración e á precariedade”.
O candidato á Xunta pola organización nacionalista puxo sobre a mesa os datos cos que denunciou a política do PP no goberno con respecto á mocidade. Un paro xuvenil incrementado en 13 puntos que sitúa no desemprego ao 42% das persoas menores de 25 anos alén da mocidade que ocupa postos de traballo precarizados. Acusou desta situación ás medidas tomadas polos gobernos do PP como son o atraso da xubilación, que impede o acceso a postos de traballo ou mesmo “as contrarreformas laborais que fixeron retroceder en dereitos, pretendendo converter a mocidade nunha forza laboral precaria e mal remunerada que substitúa aos traballadores de máis idade”. Tamén se referiu á precarización no ensino público e na investigación para o desenvolvemento, ámbito no que, na Universidade de Santiago viu reducido o pesoal en 358 persoas.
Fronte esta situación, Jorquera fixo eco da proposta do BNG que se centra nun “aumento do investimento público para reactivar a economía; incrementar o gasto social en sanidade ensino e servizos sociais para reducir o impacto da exclusión social e crear emprego”.