A LOITA DO XEITO

Safar 400 barcos (e mil familias) de ficar en seco

Os 'xeiteiros' concentráronse perante o Parlamento na defensa dunha arte pesqueira ameazada de prohibición pola UE. 

 

O un de xaneiro de 2015, de prosperar tal e como está un informe da Unión Europea sobre redes de deriva, non se poderá pescar con ‘xeito’, unha arte pesqueiro selectivo, sostíbel, tradicional e propio de Galiza. Máis de 420 barcos galegos faenan con esta arte, uns mil mariñeiros (entre armadores e tripulantes) de portos como Rianxo, Redondela, A Illa, entre outros. Unha representación destes mariñeiros desprazouse até Santiago de Compostela para reunirse cos diferentes grupos parlamentares ao tempo que varios compañeiros se concentraban ás portas da Cámara. A mensaxe, clara, na faixa: “A pesca do xeito é sustentábel e respectuosa do medio ambiente. A súa prohibición é irracional e inxusta. A súa continuidade é o noso dereito. Salvemos o xeito”.

A delegación, apoiada e acompañada polo alcalde rianxeiro, Adolfo Muiños, quixo transmitir a irracionalidade da prohibición e os efectos que ela provocaría na economía de concellos costeiros galegos. “É unha arte selectiva, colles sardiña (como a famosa xouba do xeito), algunha xarda, algún trancho que quede”, recoñece José Antonio Ordóñez, mariñeiro rianxeiro, que incide en que con ela trabállase dentro das rías e desde hai décadas, sen representar risco de esquilme ningún. “Que non nos confundan con volantas nin as cortinas da morte”, demandaba nunha entrevista recente en Sermos Galiza.

Todos os grupos parlamentarios aprobaron unha moción do BNG en defensa desta arte pesqueira e contra a súa prohibición por Bruxelas

Esperanza

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda mantivo esta cuarta unha reunión coa eurodeputada Renata Briano, relatora do Informe sobre a prohibición de redes de deriva. Após a xuntanza, Miranda manifestou a disposición de Briano de “non incluír a arte do xeito na prohibición”.

No transcurso da reunión, a portavoz nacionalista fixo entrega dun dosier informativo sobre as características da arte de pesca do xeito e o impacto para a economía e postos de traballo que provoca a falta desta actividade no sector.

A nacionalista tiña previsto manter no Parlamento europeo outra reunión co presidente da Comisión europea de Pesca, o bretón Alen Cadec co fin de “seguir avanzando na busca de solucións a problema dos xeiteiros”.

Manifestación por mar e terra

Para este xoves, 16 de outubro, está convocada unha manifestación en Rianxo a partir das 16:00 horas en apoio ao sector do xeito. Unha mobilización á que asistirán barcos doutros portos e que contará co apoio tamén das ‘pescas’ (vendedoras de peixe) e doutros sectores do mar. “Non hai razóns para prohibir o ‘xeito’ non hai razóns para non acudir a esta manifestación”, razonaba un mariñeiro ás portas do Parlamento. “Se pechasen unha empresa de mil traballadores tododiós estaría dando apoio, non si? Pois con isto ten que ser igual. Se non, non hai xeito”.