A Mesa reclama que Abanca se comprometa co galego

Abanca

Que poña fin á deriva lingüística desgaleguizadora que Novagalicia Banco desenvolveu baixo control estatal é o que a Mesa reclama a Abanca. Pídelle un cambio de rumbo pilotado por un maior compromiso no emprego da nosa lingua.

O proceso de desgaleguización Novagalicia Banco baixo control estatal foi notábel fora causa de numerosas denuncias e, coa chegada de Abanca, a Mesa teme que se continúe nesa liña se a dirección da entidade non xestiona un cambio de rumbo pilotado por un maior compromiso coa nosa lingua. 

Agarda a MNL que Abanca asuma os compromisos coa lingua de Caixa Galicia e Caixanova de ter dispoñíbeis todos os seus contratos e servizos en galego. 

Novagalicia Banco durante o breve tempo de xestión estatal fixera desaparecer o galego de sinaléctica e cartelaría interna en numerosas oficinas e eliminara o galego de parte dos seus servizos e modelos de contrato. Eran pasos atrás con respecto ao acordo que a entidade chegara coas direccións das Caixas, despois de varias campañas de defensa do galego nas entidades financieiras.

 “O Galego debe ter, como lingua propia de Galiza que é, como mínimo, o mesmo trato que o castelán, e a nova banca debe garantir o dereito de calquera cliente de recibir toda a documentación e todos os servizos na súa lingua”, apuntan desde A Mesa, entidade que confía en que Abanca “corrixa esta deriva e recupere o compromiso de respectar os dereitos lingüísticos da súa clientela”. Para Marcos Maceira, presidente da MNL, a opción da entidade polo galego sería a mellor “mostra de compromiso con Galiza”.