Os continuos cortes na A-8 obrigan a pedir o arranxo de vías 'secundarias' para acoller o tráfico desviado

Un novo corte entre Abadín e Mondoñedo na A8, o segundo en 24 horas, reaviva o debate sobre este tramo da autovía do Cantábrico. O PP insiste en que o problema é “meteorolóxico”. Desde concellos como o de Mondoñedo falan de ''vergoña''.

O alcalde de Mondoñedo, Orlando González (BNG), volveu exixir que se poña remedio aos problemas xerados polos constantes cortes de tráfico na A8 entre Abadín e Mondoñedo por mor da néboa. O rexedor instou, en declaracións recollidas por Europa Press, tanto a Fomento como a Xunta a que adopten medidas para que a autovía sexa “transitábel e segura”.

Mais tamén, e ante os desvíos de tráfico polos cortes na A8 por néboa, demandou o arranxo da N634, que ten que acoller esa circulación. “Dígolle a Fomento e á Xunta que se poñan as pilas, que arranxen a N-634 e que poñan en condicións a LU-124”.

O alcalde tamén alertou sobre o problema que se pode dar na A8, alén do da néboa: a entrada de gando, como vacas e cabalos, a través da rotonda de Curros. “Puxeron alí uns pasos canadenses mais non teño moi claro que sexan efectivos”. Orlando González lembrou que na ponte de agosto houbo un accidente producido ao bater un turismo contra unha res que entrara no vial.

Pola súa banda, desde o PP, e por boca do deputado Ramón Rodríguez, afirman que se está a intentar subsanar o problema na A8 e reduciu o mesmo a unha cuestión “climatolóxica”.