Multitudinaria resposta ás marchas polo emprego da CIG

Marcha polo emprego

Numerosas persoas están a participar nas distintas marchas polo emprego que convoca a CIG por todo o noso territorio. Despois da da segunda feira en Ferrol, esta terza feira desenvolvéronse do Porriño a Vigo, de Moaña a Cangas, en Pontevedra, Lugo e Valdeorras contra as políticas do PP que, di o sindicato nacionalista, afondan no desemprego e a precariedade. Vídeo no interior.

As marchas polo emprego que a CIG desenvolve por todo o país están a ser secundadas de maneira multitudinaria contra as políticas do PP que contribúen a un maior desemprego e á precariedade laboral. A que transcorreu desde o Porriño a Vigo foi especialmente numerosa e centos de persoas participaron nela malia a forte choiva de toda a xornada. 

A marcha partiu do local da CIG do Porriño e rematou diante do edificio da Xunta despois de catro horas de camiñada. Na cabeceira, o secretario comarcal Serafín Otero máis outros membros da Executiva portaban unha faixa co lema “Pola defensa do emprego”. 

Serafín Otero, na súa intervención no remate da marcha, destacou a situación tráxica de desemprego que padece a comarca de Vigo, con “arredor de 80.000 persoas no paro” como consecuencia da destrución do 60% do tecido industrial. 

O responsábel comarc

al da CIG fixo un chamamento a continuar rexeitando na rúa as políticas que están a a afondar na precariedade laboral e destrución de emprego e a “expulsar o PP dos Parlamentos galego e español”. Lembrou que a CIG ten convocado esta quinta feira 17 unha xornada de loita na cidade con accións de protestas en distintos puntos promovidas polas federacións entre as 11.30 e as 12.30. 

As marchas comezaron a segunda feira en Ferrol, onde se denunciou a grave crise da comarca. A marcha que percorreu os 21 quilómetros que separan o Porriño de Vigo seguiulle á tarde a que se dirixiu de Moaña a Cangas. En Lugo, o acto de protesta conduciuse desde Outeiro de Rei, diante de Alimentos Lácteos até o centro e na Coruña dirixiuse do local sindical até a praza do balneario de Arteixo mentres que en Pontevedra rodeouse o centro urbano e en Valdeorras prolongouse desde o polígono industrial até o edificio administrativo da Xunta. 

Ao tempo, por todo o territorio estase a desenvolver unha intensa campaña con repartos nos centros de traballo co obxectivo de dar a coñecer as propostas da CIG polo emprego e chamar á participación na manifestación do 19 de outubro en Compostela.