Neste número do Sermos, as nacións sen estado piden paso

[Capa do nº79]

Dez puntos de atención para o ano que comeza, o recorte de deputad@s que propón o PP e a alternativa que achega o BNG, os interrogantes ao redor de Novagalicia Banco, a cara máis dura do calote das prefentes, o contributo de Mia Couto e unha visita ás casas onde naceron Risco e Otero Pedrayo son algúns dos contidos que atoparás no semanario nº79.


O seguro referendo en Escocia e a intención de realizar unha consulta semellante en Catalunya, que choca contra a prohibición centralista do Estado español, sitúan os procesos soberanistas á fronte da axenda política europea do novo ano. Neste número do semanario Sermos Galiza, o 79, repasamos os procesos das nacións sen estado cara á súa independencia. E que máis che contamos?
 

  • Na Crónica poñemos o foco en dez puntos sobre os que manter a atención nestes doce meses que vimos de encetar: a reforma eleitoral galega, os comicios europeos fixados para marzo, o bipartidismo, os procesos soberanistas, as cifras do desemprego, o naval e Ferrolterra, a batalla social contra a reforma do aborto e a privatización do ensino e a sanidade, datas sinaladas como os 5 anos de Feijóo na Xunta ou os 50 que celebrará a UPG e, por derradeiro, os casos de corrupción que abrollan nos concellos da Galiza.
     
  • Nas páxinas de Política debullamos a reforma do Parlamento que propón o BNG para que a representación se axuste aos resultados das urnas fronte á situación actual, onde o PP ten o 55% dos escanos após colleitar unicamente o 44% dos votos. 
     
  • A contrarreforma da lei do aborto que presentou xa o Goberno español centra as páxinas de Social. Once mulleres que decidiron interromper os seus embarazos narran a súa experiencia e partillan as razóns.
     
  • A denuncia do Clúster Galego do Autoconsumo contra o Goberno español por ser "o único do planeta" que penaliza a produción de enerxía para os particulares; as dúbidas que a entidade privada Banesco deberá despexar neste primeiro ano en que Galiza non terá banca propia; e a faciana máis dura do calote das preferentes son os contidos en que nos mergullamos na sección de Economía.
     
  • En Traballo contámosche o golpe que o Fondo de Garantía Salarial, o Fogasa, deu ás PEMES: deixará de abonar as indemnizacións por despedimento obxectivo nas pequenas e medianas empresas.
     
  • Algúns contributos de Mia Couto conforman a dupla páxina sobre Pensamento que asina Elías J. Torres, profesor de Literaturas de Lingua Portuguesa na USC.
     
  • Que din de nós o que procuramos na internet? Á pregunta responden Iago Varela e Luís P. Castelo na sección de Tecnoloxía
     
  • En Cultura visitamos as casas natais de Risco e Otero Pedrayo da man de AuriaNós e entrevistamos Cremildo Bahulde, escritor mozambicano. 
     
  • A nosa Okapi vai ao circo coa compañía galega Pistacatro, que estrea espectáculo: Împreuna. 
     
  • Na Contracapa publicamos a primeira entrevista ao grupo UN, un novo nome que se suma ao panorama musical galego e en galego con letras inspiradas na crise capitalista. UN porque quen o promove é unha persoa soa, desde o anonimato que lle confire unha bolsa de papel que lle cubre a cabeza. E UN porque vivimos n'Un Estado de Shock, nome do seu traballo discográfico. Queres coñecel@? 
     
  • Opinión, pasatempos, crítica cinematográfica --Amadeus, de Milos Forman--, crítica literaria --Para que nos serve Galiza? de Xaime Subiela-- e unha viaxe até o cumio co Castelo de Cerveira completan máis un número do único semanario en papel que podes ler en galego. Esta quinta feira nos quiosques e puntos de venda habituais! Por 1,99 euros tamén podes facerte cun exemplar visitando a nosa loxa.