No nº47 botamos fóra a lingua que nos queren cortar!

Coa enerxía do Día da nosa lingua e das nosas letras sae do prelo máis un número do semanario. As agresións ao galego que a Xunta consente cando non as executa, o custo das empresas con paraísos fiscais, os 40 anos de loita do pobo saharaui pola súa liberdade, unha conversa co profesor Freixeiro Mato e unha Rosalía pequeniña son algúns dos contidos que che ofrecemos. Lembra: podes mercalo na nosa loxa!


Camiñando cara aos 50 números en papel detémonos esta semana no número 47, recén saído do prelo. Na semana da nosa lingua e das nosas letras, arrincamos cunha reportaxe central repasando as agresións máis rechamantes a un dos máis prezados símbolos de identidade que temos, o galego. Veñan de onde veñan, as labazadas á nosa lingua está amparadas sempre pola Xunta de Galiza, sendo as administracións públicas as primeiras responsábeis en garantir o noso dereito a vivirmos neste idioma non só un día ao ano senón cada hora das nosas vidas. A conclusión é clara: definitivamente, queren cortarnos a lingua.

O presidente da Asociación pola defensa da ría, Antón Masa, repasa nun artigo de opinión a corrupción ambiental amparada e impulsada polo PP en Pontevedra. Na crónica política damos conta do nerviosismo de Feijóo perante a reclamación por parte da oposición dos contratos que faltan asinados pola Xunta con empresas do narco Marcial Dorado. Acurralado, amaga con levar deputad@s aos tribunais por o poñeren contra as cordas. Pasamos unha noite pechad@s coas persoas estafadas por Novagalicia Banco coa comercialización de preferentes... e coa policía: o alcalde da Coruña pon @s manifestantes baixo vixilancia continuada.

E saímos de viaxe ao paraíso (fiscal). Queres saber canto nos custan á cidadanía as empresas galegas que teñen sociedades en enclaves off-shore coa finalidade de eludir impostos? Dámosche todos os dados deste asunto e tamén das cifras que moven ao ano os cinco portos galegos que dependen do Estado e que non deixan beneficio ningún no noso País. Os despedimentos de Gas Natural na Coruña ao deslocar a atención telefónica a unha empresa de Catalunya e o desleixo da Xunta perante o inminente peche de Alstom na Galiza centran as informacións laborais deste semanario.

Que foi do 15-M? Visitamos as prazas das sete cidades galegas da man de activistas que estiveron implicad@s desde que o movemento, chegado de fóra, aterrou na Galiza. Con el@s analizamos a evolución política que tivo e repasamos os atinos e mailos erros. O secuestro da nosa simboloxía nacional nos estadios de fútbol españois centra as páxinas de Deportes e as de Internacional céntranse nos 40 anos de loita por un Sáhara libre

Con García Bodaño, Luz Pozo, Helena Villar, Fernández Ferreiro, Camilo Nogueira e Neira Vilas facemos Memoria ao redor do Día das Letras e na entrevista de Cultura falamos co profesor e investigador Xosé Ramón Freixeiro Mato, que vén de publicar a Estilística da lingua galega. A crítica literaria céntrase desta volta na obra Costa do Solpor, de Xosé María Lema; e a cinematográfica repasa as escenas de Stoker, o debut nos EUA do director coreano Park Chan-wook.

No novo episodio da procura colectiva polo cranio de Castelao, chega a quenda do autor galego Quico Cadaval. Que nos deparará o capítulo 7? De seguro que emocións tan intensas como as vividas no festival Reperkusión, a primeira cita no calendario da troula en que Muguruza e Manu Chao deixaron afónic@s @s milleiros de asistentes. Por derradeiro, no espazo dedicado ás crianzas medra unha Rosalía pequeniña que soñaba con ser pirata. Lembra que o semanario podes mercalo tamén sen te mover da casa, aínda que @s médic@s recomendan andar: ofrecémoscho na nosa loxa!