No nº87 debullamos o Plan da Xunta para a Explotación da Mocidade

Capa do nº87

A adxudicación da planta de biodiesel máis grande da Galiza a un grupo indonesio, unha entrevista co escritor Carlos Negro, a nova moeda da internet, o saqueo da Ucránia por occidente ou como os aforros galegos van parar ao Levante. Todo isto e moito máis nas 32 novas páxinas xa dispoñíbeis na nosa loxa.

 

O derradeiro semanario de 32 páxinas do Sermos Galiza saíu do prelo. Xa dispoñíbel na nosa loxa, desde a quinta feira estará tamén á venda nos quiosques e puntos de venda habituais.

Por que dicimos que é o derradeiro a 32 páxinas? Porque o número que vén xa levará 40 páxinas. Máis contidos, máis voces, máis análise e máis xanelas abertas á actualidade que avanzamos neste semanario. Que máis contamos?

 

  • A Xunta anuncia un Plan de emprego para a mocidade "que enriquecerá ás empresas privadas" ás cales "desviará fondos públicos" destinados á formación. Beneficios privados si; emprego digno, non. Toda a información a dupla páxina no Tema da semana
     
  • Este 6 de marzo cúmprense dez anos do pasamento de Luísa Villalta. María Pilar García Negro recorda a súa memoria no seu artigo quincenal 
     
  • O escándalo de Compostela --co xuízo aberto contra sete concelleir@s e outr@s catro imputad@s por corrupción, incluído o propio alcalde-- está a centrar o debate político en Galiza, favorecendo a iniciativa das forzas alternativas e en contra dos intereses bipartidistas. Debullámola na Crónica Política
     
  • A denuncia dun pequeno accionista leva perante os tribunais o ex-presidente e o ex-conselleiro delegado do Banco Pastor, acusados de cinco delitos entre os cales se atopa o de falsidade documental para ocultar a quebra da entidade. Toda a información nas páxinas de Galiza
     
  • Un grupo indonesio mercará a planta de biodiesel máis grande de Galiza e a pioneira perde a concesión no porto exterior de Ferrol. Queres saber quen é @ responsábel? Non saias da sección Galiza
     
  • A deputada do BNG Montse Prado narra a viaxe realizada canda representantes do resto de forzas políticas con presenza no Parlamento galego ao Sáhara: "Constatamos a situación dun pobo sitiado e sen soberanía"
     
  • Os recortes de persoal ameazan o reparto do correo en Compostela. As chaves do conflito, contadas pol@s protagonist@s na páxina de Traballo
     
  • O aforro d@s galeg@s forneceu nos últimos seis anos préstamos e créditos que as entidades financeiras outorgaron noutras zonas, nomeadamente no Levante. Máis dados nas páxinas de Economía
     
  • O economista norteamericano Paul Craig mételle o dente ao saqueo da Ucránia por parte dos EUA e occidente.
     
  • Pagaches xa con Bitcoin? Iago Varela, integrante do colectivo Mallando no Android, mergúllase nesta forma de pagamento virtual chamado a mudar o futuro das compras na rede. Faino na páxina quincenal de Tecnoloxía
     
  • O escritor Carlos Negro publica Penúltimas Tendencias, un libro dedicado "a todas as mozas que non admiten costuras nos labios". Con el foi a entrevista de Cultura
     
  • Un paseo polo Castelo da Lúa, en Rianxo, é a proposta que o Colectivo XEA achega esta semana en Viaxes na Miña Terra
     
  • A Okapi baixa do Courel para descubrir o irreverente Tomi Ungerer
     
  • "A natureza de montaña é un negocio incríbel e para sempre": o montañeiro Antonio Fernández, 'Cholo', conversa co xornalista Antón Escuredo na Contracapa


Axenda cultural, pasatempos, opinión, críticas... completan as 32 páxinas deste número 87.