O 15M volta á rúa no seu aniversario consciente de que hai máis razóns que nunca para a mobilización

15m 12 m, a cidadanía volta á rúa
Nove vilas e cidades da Galiza, perto de cento cincuenta en todo o mundo, acollen hoxe concentracións e manifestacións dos ‘indignad@s’

Vai un ano alá e semella que pasaron cen. Desde o estoupido de mobilizacións e protestas diferentes e diversas que atravesaron Galiza e o Estado español naquel maio de 2011, plasmando o cansanzo da cidadanía con formas e fórmulas dun sistema que os tiña á marxe; a vaga de medidas, recortes, axustes e decisións que alentaron aquelas mobilizacións non recuou, senón que foi a máis. Precisamente por iso, desde as diferentes asambleas d@s ‘indignad@s’ gales@s consideran que hai máis razóns ca nunca para volver facer das rúas e prazas un “ágora” onde expresar o malestar co que está a acontecer, si, mais tamén para debater, analizar e propor actuacións, ideas e proxectos que achegen eses graos de millo cos que encher unha graneira máis xusta e solidaria.

Nestes 12 meses, recoñecen algúns ‘indignados” pasaron moitas cousas en torno ao 15M. Que os medios baixasen a luz dos focos non quer decir, apuntan, a que desaparecesen ou ficasen cruzados de brazos. Artelláronse proxectos en barrios, construíronse plataformas de base, traballouse en eidos coma a loita contra os desfiuzamentos ou a favor da integración de inmigrantes. E mesmo houbo, coma en Vilagarcía, onde participantes no 15M impulsaron asambleas contra o paro.

 Hoxe o 15M volve á rúa consciente de que pode ser unha ferramenta para un ‘cambio global’ que poña couto, e aí está quizás o debate aínda por dar no seo do colectivo, ao Sistema o só aos aspectos máis desfavorábeis deste.

Mobilizacións na Galiza:

A Coruña: 17:30 dende a Praza da Palloza.
Ferrol: ás 12h diante do Concello
Lugo: 18:30 na Praza Maior
Santiago de Compostela: ás 18h, na Alameda
O Morrazo: en Cangas, ás 18:30
Ourense: ás 19h na Alameda
Pontevedra: ás 18:30 na rúa Montero Ríos
Tui: ás 17h na Praza da Catedral
Vigo: ás 19h na Praza de España