Os concellos galegos piden ao goberno que mude a lei para acabar cos desafiuzamentos

Comisión Executiva da FGAMP
A Federación galega de municipios e provinciais (Fegamp) vén de aprobar unha declaración para instar o executivo español a que mude a lei hipotecaria e a de enxuizamento civil para acabar cos desafiuzamentos

 

O documento da Fegamp, que foi consensuado cos partidos políticos, pide ao goberno mudanzas nas leis hipotecaria e de enxuizamento civil para pór fin aos desafiuzamentos. Na declaración sinálase a falta de competencia da administración local neste campo, mais salienta que dos desafiuzamentos son un problema que afecta directamente a centos de veciños e veciñas, polo que os alcaldes e as alcaldesas non poden ficar á marxe.

"Ben a través de procesos de diálogo coas entidades financeiras mediante os que atinxir arrendamentos sociais ou dacións en pago, ben adoptando medidas de presión para flexibilizar e/ou frear as condicións dos desafiuzamentos, os alcaldes de Galiza están defendendo en primeira líña os intereses de milleiros de cidadáns", defende a declaración.

Así, a Fegamp incide que "todos" os alcaldes coincidiron en que se está a producir "unha situación de indefensión" entre @s hipotecad@s e as entidades financeiras que exixe "dunha maior implicación das administracións competentes".

Os alcaldes e as alcaldesas avogan, sinala, o colectivo por "facer todo o posíbel" para poñer fin a "prácticas abusivas" que derivan en situacións de "desigualdade e exclusión social" das cales os concellos son os primeiros en percatarse por seren a administración máis cercana.