A pobreza enerxética e os seus responsábeis, neste Sermos Galiza

Un semanario máis, o nº85. Entrevistas a Ian Hudghton (presidente do SNP escocés), o actor Miguel de Lira ou o documentalista Xosé Abad, entre outros moitos temas, da corrupción política aos 30 anos da primeira folga xeral galega.

O Sermos Galiza chega xa o número 85. Un semanario máis nas rúas e quiosques. Desta vez, o tema central achegarase a como as eléctricas castigan a pobreza. Unha realidade, a de familias que sofren a pobreza enerxética, que en Galiza multiplicouse por tres desde o 2010. Neste número tamén debullamos as distintas operacións anti-corrupción que se desenvolveron na Galiza, lembramos a primeira folga xeral galega da que se celebran 30 anos, ou reflexionamos sobre como A Moncloa está a manobrar para aumentar o seu control sobre a prensa escrita.

E este número vén completiño en entrevistas. Falamos con Ian Hudghton, presidente do Partido Nacional Escocés (SNP) para coñecer de primeira man o proceso independentista desta nación celta. Entrevistamos a Xoán Carril, voceiro do BNG na Coruña, e a Henrique Costas, da Coordenadora Nacional de Causa Galiza.

Christina Moreira, das Mulleres Cristiás Galegas Exeria explica o seu compromiso crente e feminista; e Xosé Lois González 'O Carrabouxo' colle o testemuño de Comunidade Sermos. Con Viaxes na Miña Terra percorremos unha parte da Ría de Arousa e en Cultura navegamos polo Taller Atlántico Contemporáneo. O actor Miguel de Lira fala con nós co gallo da rodaxe de 'A Esmorga'.

Todo isto, e moito máis, podes atopalo neste número do Sermos.