Tres detid@s nun operativo da Audiencia Nacional por un cóctel molotov de 2012 en Vigo

Fontes da investigación citadas por Europa Press falan dun detido en Lugo, outro en Ciudad Real e unha muller en Vigo pola súa presunta responsabilidade no lanzamento dun cóctel molotov contra a sede do Círculo de empresarios de Vigo en setembro de 2012.

Axentes das forzas de seguridade terían procedido nesta terza feira á detención de tres persoas no transcurso dun operativo coordinado pola Audiencia Nacional española, segundo informa a axencia de noticias Europa Press. O operativo, sostén EP, estaría en relación co lanzamento dun cóctel molotov en setembro de 2012 contra a sede do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro Vigo.

Segundo sempre a versión dada por esta axencia, citando 'fontes da investigación', no marco da operación procedeuse a realizar varios rexistros en Vigo e Lugo. As persoas detidas, afirman na información, “están relacionados con movementos anarquistas de Galiza”. Sempre en base a esta información, @s detid@s son M.C.O.M, J.O.C e O.R.C e farían parte dun grupo denominado ADAI (Acción Directa Anticapitalista Internacionalista).

A sede do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro Vigo, na céntrica rúa viguesa de García Barbón, foi obxecto dun ataque con cóctel molotov na madrugada do 17 de setembro de 2012. O ataque non provocou ferid@s nin desperfectos de gravidade, segundo recoñecían os medios de comunicación naquela altura.