Pontón ve "vital" que Galiza exista como "suxeito político"

Ana Pontón

Ana Pontón participou na presentación da Asemblea Aberta que a organización nacionalista realizará en Santiago o 18 de setembro, dentro da rolda de reunións que o BNG convoca en todo o país. 

 

Co lema “Construíndo Futuro”, o BNG está a desenvolver un proceso de diálogo a medio de asembleas abertas e participativas que visan fortalecer o proxecto nacionalista. Para a deputada Ana Pontón en especial neste momento de crise é “vital que Galiza exista como suxeito político e para iso é necesario incrementar a conciencia nacional e os problemas do noso país”.

Persoas de movementos sociais, veciñais e culturais están convidadas e anunciaron a súa participación no proceso. “Hai que darlle unha resposta forte aos ataques e recortes sociais dos últimos anos que abranguen tanto o dereito dos pobos a decidir como os dereitos sociais”, sinalou a parlamentaria.

Comeza a perfilarse o calendario de asembleas abertas promovidas polo BNG: 18-S en Santiago, 12-S en Paderne, 13-S en Sarria e 20-S en Cangas 

A responsábel local de Compostela, Lucía Vázquez sinalou que a convocatoria está aberta a·todas as persoas “preocupadas neste momento pola situación do país, polo retroceso en dereitos democráticos e pola necesidade de construír unha asemblea para fortalecer o proxecto nacionalista en Galiza”. Ao seu ver, a “capacidade para decidir” é fundamental diante dun “centralismo que é a causa que impide que os sectores produtivos contribúan a crear emprego e provoca a intolerancia dende o punto de vista lingüístico e cultural”.
 
A de Compostela terá lugar a vindeira quinta feira 18 de setembro ás 20:00 horas na facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos. En Paderne será o 12 de setembro, en Sarria o 13 e o 20 terá lugar a asemblea aberta de Cangas.