O PP garda silencio e continúa sen condenar o franquismo

Acto de Memoria Histórica Democrática (arquivo da asociación)

Colectivos sociais, organizacións políticas e asociacións de recuperación da memoria esixiron ao PP que condenase o franquismo e cesase ao alcalde de Baralla polas súas declaracións apoloxéticas da represión franquista. A dirección do PP continúa sen se pronunciar sobre o tema do que foron interpelados, en especial, os representantes na Deputación de Lugo -da que González Capón é membro-  e o propio presidente Núñez Feijóo. 

Ao longo do día, desde que se soubo que o alcalde de Baralla xustificara os crimes do franquismo dicindo que as vítimas “o merecían”, un clamor social e político rebentou esixindo de vez que o PP desautorizase ao seu gobernante municipal, provocase o seu cese ou dimisión e condenase o franquismo. Nada diso se produciu. O alcalde de Baralla, Manuel González Capón, desculpou as súas declaracións dicindo que se atopaban “fora de contexto” mais o concelleiro do BNG con quen debatía no momento de pronuncialas, explicou a este xornal que a intervención do alcalde se produciu nun debate na que argumentou de distintas maneiras a “inocuidade” do franquismo no que, ao seu ver, “polo menos había xuízos”. 

O alcalde situou a Baralla na primeira liña do debate público e, de inmediato, o BNG esixiu na Deputación de Lugo, organismo do que González Capón é membro, a dimisión do alcalde ademais dun pronunciamento xeral do organismo de rexeitamento das manifestacións e condena ao franquismo. Entrementres, o vicepresidente Antonio Veiga, pediu á voceira do PP na institución e ao presidente do partido en Lugo Xosé Manuel Barreiro un inmediato rexeitamento que non se produciu. O BNG mirou tamén cara o presidente da Xunta Alberte Núñez Feijóo e esixiulle que aclarase “se a formación á que representa segue apoiando a represión franquista ou se pola contra defende a democracia”. 

O PSOE presentou unha iniciativa para ser debatida no Pleno do Parlamento na que pregunta se o Goberno de Galicia comparte as “verbas pronunciadas polo alcalde de Baralla, acerca de que “os que foron condenados a morte (no franquismo) será porque o merecían”?”. Con anterioridade, o PsdeG-PSOE, a través de Carmen Gallego cualificara as afirmacións de Capón como “inaceptábeis” e pedía a súa reprobación polo “conxunto da cidadanía e, por suposto, polo grupo político ao que pertence este representante”. Desde a agrupación provincial de Lugo, os socialistas esixiron que Barreiro e Feijóo “dean a cara” e “aclaren se apoian estas afirmacións”, cualificando a súa actitude de “incomprensíbel silencio”. Xuventudes Socialistas sinalaron que “ao Partido Popular só lle falta cantar o Cara ao sol nos seus Congresos”. 

Compromiso por Galicia foi outra das formacións políticas que se pronunciou publicamente a respecto das declaracións do alcalde de Baralla e a súa coordinadora en Lugo, Rocío López Pacio, cualificounas de “aberrantes, antidemocráticas e delictivas”. “Debe dimitir de inmediato como alcalde e deputado provincial por xustificar a violencia e represión franquista e pola súa absoluta falta de respecto ao réxime democrático, facendo apoloxía do terrorismo”. 

Indignación nas asociacións da memoria 

Baralla foi onte trendinc topic na rede social twitter. Moreas de mensaxes se acumulaban condenando as palabras do rexedor local e a actitude do Partido Popular. Anova e a Frente Popular Galega manifestaron a través deste medio a súa oposición ás palabras de Capón. Desde Anova Compostela pedise a súa dimisión e a FPG preguntábase se “actuará a Audiencia Nacional coa lei de partidos na man contra o Partido Popular e o caso do Alcalde de Baralla?”. 

As asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica mostraron a súa indignación polas palabras de González Capón e o silencio posterior do partido popular. A Iniciativa Galega pola Memoria -que agrupa ás entidades que traballan na Galiza- cualificou a súa intervención de “apoloxía do terrorismo” e pediulle que fose el quen se “sacase do contexto da vida política galega dimitindo do seu cargo”. “Non é de recibo que un responsable político faga esas declaracións ofensivas e humillantes ás vítimas do franquismo en xeral. Non pode ser que un dirixente democrático adopte este tipo de declaracións nestes tempos que corren. Porque o tempo do franquismo xa pasou”, sinalaron. 

Pola súa parte, a Asociación para la Recuperación de la Memoria esixiu a Núñez Feijóo que destituíse o alcalde de Baralla e, a través do seu presidente Emilio Silva, lembrou que en calquera democracia europea a carreira política dunha persoa que fixera apoloxía dun réxime represivo tería rematado. Pediu que se cambiase “por un demócrata”.