Recorte de 180 millóns de euros para as políticas activas de emprego nos anos de récord de desempregad@s
É unha retórica que o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, vén empregando arreo nestas semanas: grazas a que apostou desde a súa chegada ao poder, en 2009, polas políticas de austeridade, hoxe en día Galiza non ten que sufrir recortes de calado, como acontece noutros territorios do Estado. E pon a guinda a este discurso sinalando que por iso este ano só serán 69 millóns de euros os que se teñan que axustar nos orzamentos.
Mais a outra cara da moeda, a que sofren as e os cidadás, é ben distinta. O exemplo de “austeridade” destes tres anos do PP no goberno de Galiza ten unha cifra en recortes: 2.800 millóns de euros. Un ritmo de dous millóns e medio ao día. Números que se traducen en graves prexuízos en ámbitos como educación e sanidade, entre outros.
A oposición socialista vén de incidir en que eses 2.800 millóns de euros recortados son a mostra do fracaso do Partido Popular na Galiza. O BNG, pola súa parte, leva anos alertando do impacto das medidas restritivas e dunha “austeridade” simplista que está a empeorar a pasos axigantados a vida das e dos galeg@s.
E estes recortes deixan especial pegada en diferentes ámbitos. Un deles, moi sensíbel nesta época de constante destrución de emprego, é o das políticas activas de fomento do emprego, onde a tesoira levou 180 millóns de euros neste mandato de Feijóo. Actualmente, na Galiza hai 270.000 persoas desempregadas.