Ribadeo conta cun “banco bo” de material ortopédico
Cun fondo inicial que conta con 6 andadores plegábeis, 6 pares de varandas, 8 asentos de bañeiras xiratorios, 12 colchóns antiescaras, 3 camas con motor, 5 grúas e 2 cadeiras de ducha con rodas bota a andar no Concello de Ribadeo o banco de material ortoprotéxico para persoas con autonomía limitada, unha iniciativa que nace a través dun convenio coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en concreto, das Áreas de Benestar Social e deporte á fronte das que está o nacionalista Antonio Veiga.
“Este proxecto pretende organizar os préstamos deste material a pacientes con limitacións moderadas ou graves na súa autonomía persoal e con recursos económicos limitados; sempre coa finalidade de facilitar ás persoas coidadoras as tarefas de atención dos pacientes no domicilio, e a mellora da súa calidade de vida” sinalou Antonio Veiga na súa visita ao almacén municipal onde se garda o material adquirido, unha iniciativa que cobra máis valor nun momento no que, segundo sinalou, a aplicación do decreto da sanidade instaura o copago tamén nos materiais ortoprotésicos para a práctica totalidade da poboación. O material xestiónase a través do empréstito ás veciñas e veciños que teñan unha limitación da autonomía persoal e precise de axuda técnica domiciliaria. O banco créase a través da convenio entre a entidade local e provincial de 9.655,22 euros. .