Esta semana no Sermos Galiza, os lobos da crise

[Capa do nº83]

Como cada quinta feira sae do prelo máis un semanario en papel, o nº83. Podes facerte cun exemplar nos puntos de venda habituais ou mercándoo na nosa loxa.

 

A suma de todos os bens e servizos producidos na Galiza durante un ano non darían para igualar a fortuna persoal que posúen Amancio Ortega e a súa filla Sandra Ortega. Queres saber como remata a historia do 0,26% de poboación galega que concentra máis da metade da riqueza do País? Contámoscho nun novo número do noso semanario, que vai xa polo 83. Eis algúns outros contidos:

  • as varias crises da convención do PP central a Crónica Política
     
  • a contaminación por cobre cébase coas rías de Vigo e Ferrol pola actividade portuaria e dos estaleiros. O que está a acontecer contámoscho nas páxinas de Galiza
     
  • o sector oficial do PP e o aparato do PSOE traballan coa hipótese de antecipar as eleccións xerais e de ir a un proceso de reforma constitucional na vindeira lexislatura. Queres saber máis? Olla as páxinas de Política
     
  • no País do minifundismo funcionan desde os anos 70 iniciativas de custodia do territorio que, a día de hoxe, traballan na recuperación e conservación de máis de 4.000 hectáreas. Para os coñecer atoparás unha ampla reportaxe nas páxinas de Social, completada cunha entrevista a Alfredo Pereira, presidente da Organización de comunidades de montes en man común
     
  • unha sentenza do Xulgado do Social de Vigo considera improcedente o despedimento de catro traballadores no centro de atención á diversidade funcional San Xerome, da Guarda. A empresa négase a @s readmitir e investirá 150.000 euros de diñeiro público en liquidacións e indemnizacións. Debullamos o conflito nas páxinas de Traballo
     
  • sabes que son os drones? Sabes que o seu uso civil --non militar-- está a medrar? E sabes que xa hai empresas de alimentación que os están a empregar para a entrega a domicilio? Iago Varela, de Mallando no Android, explícache todo isto en Tecnoloxía
     
  • na sección de Internacional viaxamos até o Irán cunha reportaxe a dupla páxina que leva por título Breves impresións dunha crónica de viaxe na Ruta da Seda que asina o escritor Cesáreo Sánchez Iglesias
     
  • encetamos as páxinas de Cultura cunha entrevista ao cineasta e escritor Alberte Pagán que realizou o xornalista Antón Escuredo. Sen saír da sección poderás relaxarte cun paseo polas fervenzas e muíños do río Barosa nas 'Viaxes na Miña Terra' e a nosa Okapi sae do Courel para visitar 'A illa de todas as illas' da man de Xabier P. DoCampo. 
     
  • na Contracapa conversamos con Carmiña Couceiro, unha muller que vive, literalmente, entre libros. Após traballar máis de 30 anos nunha das librarías da familia, partilla connosco a súa experiencia.

Pasatempos, críticas --musical, literaria e de cinema--, a axenda cultural e artigos de opinión completan estas 32 páxinas que sairán do prelo na quinta feira. Tamén podes facerte cun exemplar do semanario mercándoo na nosa loxa