Visto para sentenza o xuízo de faltas contra tres membros de Isca! por unha pintada

[Imaxe: Isca!]

Dentro da sala en que se desenvolveu a vista estiveron presentes seis antidisturbios e outros nove agardaban do outro lado da porta. O despregamento policial sorprendeu até aos avogados da defensa. 


O xuízo contra tres membros da organización xuvenil nacionalista Isca! por unha pintada realizada na Coruña ficou visto para sentenza. Foi rechamante o despregamento de antidisturbios que se personaron no interior do xulgado de instrución nº2 da Coruña: seis dentro da sala e outros nove na porta. Os propios avogados da defensa cualificaron de "inaudita" a presenza dos 15 axentes nun xuízo de faltas. 

Así as cousas, os mozos estaban acusados dun delito de danos en bens inmóbeis, ao os atopar responsábeis de varios murais que Isca! asinou na cidade da Coruña. Por un deles, o único que Macías López, Iago Barcia e Anxo Sánchez recoñeceron ter pintado, xa enfrontaron unha sanción administrativa de 600€ que lles impuxo o Concello da Coruña.

Dentro da sala en que se desenvolveu a vista estiveron presentes seis antidisturbios e outros nove agardaban do outro lado da porta

Segundo explicou Anxo Sánchez en conversa con Sermos Galiza, "querían responsabilizarnos de todas as pintadas que atoparon a nome da organización, foran ou non do mesmo día e atoparan ou non a plantilla no noso poder". O certo é que no momento en que fixeron o mural, axentes da policía local camuflados detiveron o carro en que viaxaban, rexistrárono e atoparon a plantilla correspondente a esa pintada, na cal reivindicaban 'Futuro digno na nosa terra'. 

Os axentes que os pararon declararon na vista e dixeron que os tres militantes de Isca! se declararan autores de varios graffiti "mais iso non é certo". Enfatizou Sánchez que "igual que fixemos hoxe tamén aquel día recoñecemos que pintaramos un mural", o que está ubicado na rúa do Orzán, no edificio situado fronte ao pub Grietas. Tal e como relatou Anxo Sánchez, foi un traballador do local hostaleiro o que avisou a policía namentres facían a pintada. 

''Querían responsabilizarnos de todas as pintadas que atoparon en toda a cidade a nome da organización''

"Quixemos deixar claro que non pintamos a parede dunha vivenda nin dun local comercial aberto ao público, senón unha parede dun solar en estado de abandono e que xa tiña marcas de varios graffiti anteriores polo que non o deslucimos", acrecentou Sánchez, subliñando que achegaron unha fotografía do lugar para probar o que estaban a declarar.

A defensa pediu a libre absolución dos tres independentistas ao non considerar probado que fosen autores de máis murais que aquel polo que xa abonaron a correspondente multa económica. Porén, o ministerio fiscal pide para cada un seis días de localización permanente e unha indemnización acorde aos danos causados por todos os murais. 

"É un xuízo político, si, mais non contra nós ou contra a nosa organización senón encadrado na vaga represiva que se está a desenvolver a nível nacional e na Coruña", dixo Anxo Sánchez. Na cidade herculina hai aínda persoas que teñen pendente un xuízo de faltas polo despexo de Aurelia Rey, acontecido hai un ano; e tres integrantes do BNG e Galiza Nova tamén serán sancionad@s por un mural en prol do aborto libre. "Tocounos a nós como lles puido tocar aos traballadores do lixo ou a calquera que teña un conflito" coas institucións públicas, concluíu Sánchez. 

"É un xuízo político, si, mais non contra nós ou contra a nosa organización senón encadrado na vaga represiva que se está a desenvolver a nível nacional e na Coruña"

Concentración de solidariedade

Uns 50' antes de se iniciar a vista, Isca! tiña convocada unha concentración ás portas do xulgado onde os tres encausados ficaron apoiados, entre outras persoas, polo secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira; e por Avia Veira e Xosé Manuel Carril, concelleir@s da formación frontista na Coruña. 

"Sorprende a axilidade, dilixencia e contundencia do goberno local do PP para sancionar administrativamente con 600 euros e denunciar penalmente a estes mozos acusados de teren feito unha pintanda en defensa do dereito a vivir e traballar na nosa terra e contra a emigración xuvenil, se o contrastamos coa actuación de Negreira --en referencia ao alcalde da Coruña-- na operación Pokémon", denunciou Carril en declaracións aos medios de comunicación.

Adiado o xulgamento a un militante de Briga

Para este 18 de febreiro, mais na Audiencia Nacional española, estaba datado tamén o xulgamento contra Lucas Arbones, militante da organización xuvenil independentista Briga e que descoñece a día de hoxe os motivos polos que foi chamado a declarar perante a fiscalía de menores en calidade de imputado.

Fontes da organización explican que a vista ficou adiada para a segunda feira 24 de febreiro. Briga ten convocada unha concentración en Madrid. Será ás 10.30h diante do edificio da fiscalía de menores.