Vítimas do sinistro de Angrois rexeitan que PP e PSOE acudan á homenaxe do 24X

Consideran que a participación de populares e socialistas suporía un "ataque á dignidade das vítimas". 

 

A Plataforma Víctimas Alvia 04155 amosou esta segunda feira o seu rexeitamento a que responsábeis polític@s do PP e PSOE tomen parte no acto en memoria das vítimas do accidente ferroviario acontecido en Compostela o 24 de xullo de 2013. Segundo o colectivo, a presenza destas forzas políticas sería considerada "un ataque á dignidade das vítimas".

"Agardamos que ese día para o recordo non se vexa escurecido pola presenza de quen, despois de nos mentir, ignorar e maltratar, vaian facerse a foto propagandística", sinalou un dos integrantes da Plataforma, Gómez Simón, en comparecencia de imprensa. 

O acto terá lugar en Angrois o vindeiro 24 de xullo e desde o colectivo de vítimas do accidente afirman que a súa postura "non é unha censura a toda a clase política" pois, acrecentou, "non todos os políticos son iguais". 

Denuncia na UE

Así mesmo, a Plataforma Víctimas Alvia 04155 anunciou que presentarán unha denuncia contra o Goberno español perante a Unión Europea polo incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria. Así mesmo, criticaron a "falta de colaboración" d@s responsábeis de Adif e Renfe ao longo da instrución que decorre nos Xulgados de Compostela.

Desde a Plataforma entenden que a negativa d@s imputad@s a prestar declaración --acolléndose ao disposto na lexislación-- ten por obxecto "ocultar un incumprimento sistemático das normas de seguridade estabelecidas pola UE".