O exilio galego do século XV

Copia dun lenzo que representa a Pedro Pardo de Cela no Castelo da Frouxeira.
Abonda con reparar na represión que seguiu á revolución galega da segunda metade do século XV para caer na conta do alcance da mesma. O uso indiscriminado do terror contra a poboación, botando man de tropas mercenarias francesas, ou o exilio en Portugal e en Bretaña de miles de compatriotas son exemplos significativos da dimensión desta revolta. Achegamos aquí a crónica dos exilios galegos do século XV. Eis un extracto da peza, publicada no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

As décadas finais do século XV serán testemuño dos derradeiros capítulos da resistencia galega á incorporación subordinada do país á Coroa de Castela. Estamos no remate dun proceso político iniciado á volta de 1230 coa anexión da Galiza a Castela, na persoa do Fernando III, violentando o disposto no testamento do seu pai Afonso VIII e a posición das clases dirixentes do país, e que terá continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado por Fernando de Castro e a morte deste no exilio en Baiona por Xoán Andeiro.

A derrota militar da rebelión galega nas décadas finais do século XV, onde Pardo de Cela, Pedro Madruga ou os Condes de Lemos acadaron o papel de símbolos, deixa Galiza fanada e presa na roda colonial.

A oposición á política centralizadora dos Reis Católicos Galiza non entrou vencida no século XV. A decadencia política, económica e cultural iniciada a finais do século XIII, a perda de influencia no espazo ibérico e europeo e o xurdimento dun novo núcleo de poder conformado arredor da oligarquía castelá‑andaluza non impediron que o noso país seguise contando con amplas cotas de liberdade. Malia a derrota da revolución galega do século XIV e as súas consecuencias dramáticas para o país, o propio cronista dos Reis Católicos Hernando Pérez del Pulgar recoñece que ao longo do século XV Galiza escapou ao control da Coroa, afirmando que “nin o rei Henrique, irmán da raíña, nin menos o rei don Xoán, seu pai, puideron subxugar aquel reino”.

Mesmamente, até a aplicación das disposicións gobernativas dos Reis Católicos, o control da orde pública ou a recadación dos tributos dependía dunha clase dirixente autóctona que seguía a manter importantes propiedades ou vínculos de parentesco con Portugal. Explícase neste contexto a existencia dunha corrente de opinión maioritaria no conxunto das capas sociais galegas, que seguían a defender un papel distinto do país, unhas veces apostando nunha función directora no reino dos Trastámara e outras xogando decididamente a carta da unidade con Portugal.

A unificación da Galiza con Portugal

A rebelión galega do século XV significa a oposición das nosas clases dirixentes á política centralizadora dos Reis Católicos. As sostidas loitas, nas que acadan a categoría de símbolos, de Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Álvarez de Osorio e o seu neto Rodrigo de Castro, con diferentes concrecións prácticas, partillan o común denominador de enfrontarse ao proxecto regresivo no nacional e no social representado por Isabel e Fernando, pero tamén na defensa do reino da Galiza como entidade de seu, resistente fronte á absorción que supoñía a imposición do autoritarismo monárquico.

 

[Podes ler a información íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]