A 112 Conferencia Internacional do Traballo reúnese en Suíza

Sesión da Conferencia Internacional do Traballo de Xenebra. (Foto: CIG).
Un dos aspectos chave do encontro é o debate sobre os casos graves de incumprimento dos convenios da OIT.

A sede da Organización Internacional do Traballo (OIT) en Xenebra (Suíza) acolle desde esta semana e até o 14 de xuño a 112 da Conferencia Internacional do Traballo (CIT). O encontro, que reúne delegados gobernamentais e representantes empresariais e sindicais de todo o mundo, analiza diversas cuestións referidas á problemática laboral.

Un dos aspectos chave do encontro é o debate sobre os casos graves de incumprimento dos convenios da OIT. Nesta ocasión, ao plenario da conferencia chegan 24, entre os que destaca a situación do Estado Miammar. Ao tempo, inclúese ao Goberno español entre a listaxe dos Executivos que non cumpren coa lexislación internacional pola forma de articular a negociación colectiva.

A denuncia contra o Estado español parte das organizacións patronais, que critican a falta de información do Executivo sobre as memorias da Organización Internacional do Traballo (OIT) así como pola exclusión da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa, pola súas siglas en español CEPYME, do proceso de negociación colectiva. A este respecto, o Ministerio de Traballo español dirixiuse a OIT para sinalar que o problema está resolto.

CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das organizacións presentes no encontro, denuncia que "a CIG, xunto con ELA, a pesar de ter a condición de sindicatos máis representativos segundo a lexislación estatal, vimos sendo excluídas sistematicamente de ámbitos de negociación para os que ambas centrais sindicais están lexitimadas, coa desculpa dun institucionalizado "pacto social" sen base legal".