15 membros da UE (máis da metade do total) piden centros para deter migrantes fóra do bloque

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Grzegorz Wajda / Europa Press / Contacto)
Buscan intensificar a externalización da xestión da migración.

Apenas 48 horas despois de que a Unión Europea (UE) ratificara de forma definitiva o novo pacto de migración e asilo, que consolida a externalización da xestión migratoria a terceiros países fóra do bloque comunitario, 15 Estados membros, máis da metade do total, remitiron a quinta feira unha misiva á Comisión Europea na que insisten en ir máis alá.

Ademais de reclamar que se impulsen máis acordos como os estabelecidos con Turquía, Tunisia, Exipto ou Marrocos para que freen a chegada de persoas migrantes á UE, o texto asinado por Dinamarca, os Países Baixos, Austria, Italia, Finlandia ou Grecia propón crear centros de detención neses países para persoas cuxas solicitudes de asilo sexan denegadas, “aos que os retornados poderían ser trasladados mentres agardan a súa expulsión definitiva”.

Incluso no caso das persoas rescatadas no mar e independentemente da súa solicitude de asilo, defenden trasladalas a un “país socio fóra da UE”. A Comisión comprometeuse a analizar a carta, remarcando que nos vindeiros exercicios centrarase en aplicar o novo pacto migratorio.