Os EUA queren que Madrid aumente os gastos militares

15 minutos de conversa, tradutores polo medio, e Rajoy oferécese a Trump como interlocutor

Rajoy non fala inglés, Trump tampouco español, así que os 15 minutos de conversa telefónica -cinco menos dos pactados- non foron netos: houbo tradutores polo medio. A Moncloa informou de que o presidente español se ofereceu a Trump como interlocutor. Cero críticas ao magnate.

Reforzar a alianza con Washington. Ese é o obxectivo de Rajoy na súa relación coa nova Administración nortemericana. E para servir ese propósito o presidente do goberno español ofereceuse a Trump, no seu primeiro contacto, en formato telefónico, como "interlocutor en Europa, América Latina y también en el Norte de África y Oriente Medio", segundo o comunicado emitido pola Moncloa.

Nada indica que Rajoy lle fixese a Trump o mínimo reproche polo seu recente veto á entrada no país de nacionais de sete países de maioría musulmá (orde executiva paralisada pola xustiza estadounidense) nen pola súa política agresiva contra México.

O que si destaca A Moncloa é que Rajoy tentou transmitir a Trump a idea de que o "proceso de integración europea" [polo cal o presidente dos EUA non sente a menor simpatía] non se vai resentir polo Brexit.

A alianza que máis interesa a ambas partes é a militar, nomeadamente a Trump. O presidente dos EUA trasladou a Rajoy a súa tese de que os seus socios na OTAN, o Estado español entre eles, deben contribuír máis aos gastos de defensa, até os colocar nunha media de 2 por cento dos seus respeitivos PIB. O Estado español inviste neste momento 1,2 por cento do PIB. Chegar a 2 por cento significaría pór sobre a mesa por volta de 8 mil millóns de euros máis.

A seguir a conversa con Rajoy, Trump ligou para o telefone do presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan.