28 asentamentos na rexión rusa de Kursk están baixo control ucraíno no sétimo día de incursión

Vladimir Putin, a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press)
Rusia e Ucraína acúsanse dun incendio en Zaporijia.

Na sétima xornada da incursión ucraína na rexión fronteiriza rusa de Kursk, o gobernador en funcións do territorio, Alexei Smirnov, comunicou a segunda feira ao presidente Vladimir Putin que até 28 asentamentos están en mans de Ucraína, que tería profundado 12 km en territorio ruso nunha fronte de 40 km, detallou. Pola súa parte, o Ministerio de Defensa ruso sostivo que repeleu sete ataques ucraínos na rexión nas 24 horas anteriores.

Smirnov informou de que 12 civís faleceron na incursión ucraína, que tamén feriu 121, dez deles crianzas, así como que descoñecen o paradoiro de arredor de 2.000 persoas, mentres que 121.000 das 180.000 suxeitas a evacuación xa saíron da zona. Tamén se ordenou a evacuación dun distrito en Belgorod, provincia tamén nos lindes con Ucraína.

“O inimigo certamente recibirá unha resposta digna”, subliñou Putin, que vinculou a incursión cunha tentativa de Kíiv de mellorar a súa posición de cara a futuras negociacións.

Con todo, Putin remarcou a dificultade de negociar “con persoas que atacan indiscriminadamente civís, infraestruturas civís ou intentan crear unha ameaza ás instalacións de enerxía nuclear”, e incidiu en que os avances rusos no campo de batalla nos últimos meses se aceleraron após o inicio da incursión en Kursk. Ao tempo, Zelenski defendeu que o ataque busca “restabelecer a xustiza” e facer “presión sobre o agresor”.

O certo é que nas últimas semanas as declaracións de Ucraína abrindo a porta a conversas de paz que vetara anteriormente entre a presión dos seus aliados da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) aumentaron as posibilidades de negociación. Nese contexto, a alianza militar controlada polos Estados Unidos suavizou os límites para o uso do armamento enviado a Ucraína en territorio ruso.

Incendio na central de Zaporijia

Alexei Likhachev, director da compañía pública rusa de enerxía nuclear, Rosatom, transmitiu que pode ser preciso substituír a torre de arrefriamento da planta nuclear de Zaporijia, a máis grande de Europa e controlada por Rusia desde marzo de 2022, logo dun incendio horas antes.

Moscova denunciou que un ataque cun drone ucraíno contra o sistema de refrixeración da central nuclear foi o causante do lume, cuxos principais focos foron extinguidos e non afectaron ao funcionamento da instalación, que está en parada técnica. Como en anteriores incidentes deste tipo na planta, Ucraína responsabilizou Rusia por causar o incendio.