50 euros por ano: O Goberno luso propón que en 2028 o salario mínimo alcance 1.020 euros

Luís Montenegro. (Foto: Henrique Casinhas / Europa Press / Contacto)
Manifestación nacional o sábado pola vivenda.

O Executivo conservador de Portugal presentou unha proposta de aumento do salario mínimo que levaría a que en 2028 se estabeleza en 1.020 euros mensuais, despois de que durante a campaña electoral o primeiro ministro Luís Montenegro (Partido Social Democrata) prometera elevalo a 1.000 euros durante o seu mandato, recolleu a quinta feira a prensa lusa.

A proposición trasladada a sindicatos e representantes das empresas recolle unha suba de 50 euros por ano até 2028, cando expira a lexislatura, polo que o vindeiro exercicio sería de 870 euros. Maria do Rosário Ramalho, ministra de Trabalho lusa, salientou que a suba prevista para 2025 anteriormente era até os 855 euros.

A cifra actual, de 820 euros, resultou dunha suba de máis de 60% durante os oito anos e medio do Goberno progresista encabezado por António Costa (Partido Socialista), actual presidente do Consello Europeo.

O secretario xeral da Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses-Intersindical Nacional, Tiago Oliveira, incidiu en que “está moi lonxe das necesidades de quen traballa”, e defende que se incremente até 1.000 euros o vindeiro ano.

Por parte da CIP-Confederação Empresarial de Portugal, o seu presidente, Armindo Monteiro, cualificou de “insuficientes” as medidas gobernamentais que acompañarían a alza, como a exención de impostos nos bonos de produtividade e outros incentivos, que Ramalho xustificou en compensar “o esforzo adicional” das empresas.

Un dos motivos detrás da perda de poder adquisitivo da poboación portuguesa é o aumento dos prezos da vivenda, un sector no que as medidas dos sucesivos Gobernos non lograron influír. A plataforma Casa Para Viver convocou para o sábado unha manifestación nacional para denunciar esta problemática e desenvolveu a cuarta feira unha protesta en Lisboa, enchendo unha rúa de tendas de campaña para denunciar a especulación e o “agravamento da situación da vivenda” desde que Montenegro chegou ao poder.

O grupo sostivo que o programa Construir Portugal, anunciado polo Goberno, “é un pacto co sector inmobiliario para construír máis e dar beneficios á construción de inmobles”.

A mesma denuncia efectuou o Bloco de Esquerda contra o tamén conservador Carlos Moedas, alcalde de Lisboa. Mariana Mortágua, coordinadora nacional da formación, criticou que as súas políticas foron críticas para as persoas na rúa, que aumentaron o seu número mentres se promove a construción de hoteis onde “poderían ser construídas centenares de casas”.