540 persoas detidas e máis de 400 policías feridos nas protestas do 1º de maio en Francia

Protestas en Francia nas mobilizacións do Primeiro de Maio. (Foto: Nós Diario)

O conflito contra a reforma das pensións de Macron intensificouse esta segunda feira.

As autoridades de Francia informaron esta terza feira de que cando menos 540 persoas foron detidas no marco das protestas rexistradas durante a última xornada nas principais cidades do Estado e situaron en máis de 400 os policías e xendarmes feridos.

O ministro do Interior, Gérald Darmanin, indicou que se rexistraron puntos de tensión con motivo das manifestacións contra a reforma das pensións do presidente, Enmanuel Macron, convocadas para o Día Internacional da Clase Traballadora.

“Lei antimatóns”

“Debemos sancionar da maneira máis contundente a aqueles que atacan a Policía”, sinalou Darmanin, que instou a aprobar unha “lei antimatóns”. Así, explicou que entre os feridos hai “algúns cuxa situación é extremadamente delicada, incluso aínda que as súas vidas estean fóra de perigo”.

As autoridades indicaron que só en París resultaron feridas 259 persoas, mentres que son xa 61 os e as manifestantes feridas, 31 delas na capital, segundo informacións da cadea de televisión BFMTV.

“Onde está a condena de Jean Luc Mélenchon contra os ataques contra policías?”, puntualizou o ministro, nun renovado ataque ao líder de Francia Insubmisa, ao que acusou de “manterse equidistante” e non condenar a violencia. “O seu silencio faino cómplice”, dixo.