A impostura de Modi, o principal baluarte do supremacismo hindú

Narendra Modi fai o signo da vitoria tras obter o maior número de escanos nos comicios xerais. (Foto: Pradeep Gaur / Zuma Press vía Europa Press).
Tal como xa sinalaban os prognósticos, aínda que cunha vitoria menos contundente do agardado, Narendra Modi, 73 anos, do Party Bharatiya Janata ou BJP (Partido Popular Indio), accederá por terceira vez consecutiva ao cargo de primeiro ministro. Algo que só aconteceu na historia da India con Jawaharlal Nehru, entre 1947 e 1964.

Esta India de Modi é xa o Estado máis poboado do mundo e mesmo unha potencia a escala global. Tras superar a Reino Unido como quinta economía do planeta, mantén o status de mercado favorecido pola Casa Branca e reafirmase como un socio preferente da estratexia para o Indo-Pacífico. Potencia nuclear dende os anos 70, Modi tamén incorporou a India ao I2U2, establecido polos EUA, Israel e os Emiratos Árabes Unidos para "contribuír a resolver os conflitos xeoestratéxicos". O seu exército é o sétimo máis poderoso do mundo, sumando un millón e medio de efectivos.

Pero o retrato non é completo se ignoramos, por exemplo, que máis de 400 millóns de persoas viven na extrema pobreza ou que todos os analistas coinciden en que, trala vitoria electoral, Modi tentará acelerar o proceso que levará a converter este país nunha auténtica teocracia. Sen unha maioría rotunda, non será coser e cantar e precisará de socios afíns.

A democracia máis grande do mundo?

Modi valeuse da presenza do islam para axitar a confrontación e medrar nela

Modi representa o principal baluarte do supremacismo hindú. Dende sempre, valeuse da presenza histórica do islam no país para axitar a confrontación e medrar nela. Na India, os musulmáns contan hoxe con preto de 220 millóns de practicantes e representa a comunidade relixiosa máis grande despois da hindú, con case 1.000 millóns de fieis.

A introdución da coñecida como Emenda da Cidadanía permitiu deixar sen nacionalidade a centos de miles de musulmáns. Aprobada en 2019, permite a naturalización de refuxiados afgáns, paquistanís e bengalís sempre que non sexan musulmáns. O goberno anunciou controis masivos de inmigración en todo o país, ameazando con enviar aos campos de detención os que non puidesen demostrar que eran cidadáns indios. A limpeza étnica alentada por Narendra Modi afecta ao 14% da poboación. 

Outro dato salientable é a derrogación do artigo 370 da Constitución, que outorgaba autonomía a Caxemira, ademais de impulsar políticas con vantaxes económicas extraordinarias para os hindús que deciden instalarse no Estado de Jammu e Caxemira, onde os musulmáns son maioría para así cambiar a ecuación da poboación.

A supresión da autonomía, a división do territorio, a invasión de centos de miles de soldados, o encarceramento de políticos e activistas opositores ao gobernante Partido Bharatiya Janata, as detencións arbitrarias e execucións extraxudiciais, a restrición das comunicacións, etc. propiciaron unha cultura de total impunidade e de xeneralizado abuso de dereitos en toda a rexión.

Modi, a diferenza de todos os xefes de estado que o precederon e que sempre procuraron manterse publicamente laicos para evitar calquera tipo de diferenza relixiosa, alenta o culto á personalidade ata o punto de que é difícil separalo dunha divindade. El mesmo se di imbuído dunha misión "divina".

Os índices do malestar

Oito millóns de indios viven actualmente en "escravitude moderna"

O libro de Debashish Roy Chowdhury e John Keane, To Kill a Democracy: India's Passage to Despotism, contraría a propaganda triunfalista do goberno. A India avanza rapidamente cara os últimos lugares nos rankings mundiais relacionados co estado das persoas. O país ocupa o posto 107 de 121 no Índice Mundial de Fame de 2022, e a súa taxa de desnutrición infantil, cun 19,3%, é a máis alta do mundo. En Asia, Afganistán, no posto 109, é o único país detrás da India. Os países veciños –Paquistán (99), Bangladesh (84), Nepal (81) e Sri Lanka (64)– tiveron un mellor rendemento que a India. En 2021, a India ocupaba o posto 101 de 116 países, mentres que en 2020 o país ocupaba o posto 94 de 107 países, peor que o Congo e o Iraq. O Índice Global de Escravitude estima que oito millóns de indios viven actualmente en "escravitude moderna". A desigualdade empeorou rapidamente baixo o goberno de Modi.

O malestar democrático da India é tamén ben coñecido: o Instituto V-Dem da Universidade de Gotemburgo, Suecia, que rastrexa os datos sobre a saúde das democracias, reclasificou a India no seu informe de 2022 como unha "autocracia electoral". A Economist Intelligence Unit (EIU) situouno na categoría de "democracia defectuosa" e o seu rango deteriorouse bruscamente, pasando do 27 en 2014 ao 53 en 2020, aínda que mellorou lixeiramente ata o 46 en 2021. No seu informe Liberdade no mundo 2021, da moi conservadora Freedom House, rebaixou a clasificación da India de "libre" a "parcialmente libre".

"Chindia" e as dúas varas de medir 

A "Chindia" que emerxe como unha viga dos Brics ten por diante grandes retos 

Aínda que as crises chinesas de Hong Kong e Xinjiang gozaron e gozan dunha importante visibilidade nos medios internacionais, o certo é que un groso veo oculta a non menos complexa crise de Caxemira. Podemos cansarnos de escoitar a Blinken criticar a China co argumento dos dereitos humanos pero ao mesmo tempo louvar á India e mesmo os pronunciamentos institucionais –tamén do Parlamento Europeo– parecen matizar a condena entre "a nosa India" e a "rival" China.

China, a pesar de ser habitualmente máis criticada pola súa política ante crises político-territoriais semellantes, non chegou tan lonxe como a India nalgúns aspectos. É certo que aprobou unha lei de seguridade nacional para Hong Kong pero non suspendeu a autonomía nin mobilizou masivamente ao exército, nin sequera en Xinjiang onde a seguridade se puxo en primeiro plano para combater a acción terrorista. Se apelamos ao número de mortos ou á brutalidade da represión, os métodos do democrático Modi resultan moito máis expeditivos.

Non é de estrañar que neste contexto a India teña interese en activar tensións fronteirizas con China xa que con iso consegue desviar a atención internacional da dura represión imposta nestas rexións. E non só: está garantido o favor directo de potencias como Estados Unidos, Xapón ou Australia, que aínda que son moi críticas coas políticas chinesas aplicadas en escenarios de crise, non dubidan en pisar á lixeira os grandes principios que conforman o nosa suposta superioridade moral para converter a India nun excelente cliente de armamento ou favorecer a súa plena integración no Quadrilateral Security Dialogue ou QUAD, a prometedora OTAN asiática, cuxo principal fío condutor non pode ser outro que encaixar e conter a China.

Antes do conflito armado en Ucraína, a India apenas adquiría 0,2% das vendas de cru ruso. Pero, a finais de 2022, cos descontos do Kremlin, que baixaron o prezo do barril a entre 20 e 30 dólares, representaron 23% das súas importacións de petróleo.  Nada que obxectar, a diferenza do que acontece con China. Os seus aliados aceptan que a India non critique abertamente Rusia ou que se absteña nas votacións contra Moscova na ONU, mentres sinalan co dedo a China polo mesmo. 

A "Chindia" que emerxe como unha viga dos Brics ten por diante grandes retos internos para desempeñar un positivo papel na configuración dunha orde multipolar que dea voz aos países do Sur Global. 

Expectativas

Neste terceiro mandato, Modi seguirá perseguindo os obxectivos de política interior e exterior que marcou para a India en 2014, coa premisa de impulsar o país a converterse na terceira economía do mundo despois de Estados Unidos e China nuns poucos anos. O enfoque estratéxico de Modi inclúe unha procura continua da influencia global da India para asentala como unha potencia líder. 

Non será ese un proceso doado por mais que algúns o acariñen. Se China é quen de superar o PIB dos Estados Unidos ao redor de 2030, a India non o fará ata 2075, como prevé Goldman Sachs. O sorpasso a  China, a pesar de non contar esta xa coa man de obra barata que si ten India, está, non obstante, algo lonxe, a anos luz. O PIB do seu veciño (19 billóns de dólares) é case seis veces superior (3,4 billóns) e a súa industria manufactureira representa a metade da produción e un terzo das exportacións de bens. A pesar do esforzo de innovación da India, os titulados chineses en áreas de dixitalización duplican os indios, cunha economía que emprega só 0,7% en gastos de I+D+i fronte a 2,5% asignado por China.

Ademais, o país de Xi Jinping representa máis da metade das redes 5G do mundo, son chinesas catro das 20 grandes empresas tecnolóxicas do planeta e é, xunto con Estados Unidos, os únicos produtores mundiais de intelixencia artificial (IA) co 65% das patentes. Tamén ten unha maior capacidade produtiva da súa forza de traballo e moitas vantaxes na redistribución da riqueza e a supresión da pobreza.

A xeopolítica dun entendemento entre a China e a India fronte á hipótese da súa incorporación ás políticas de confrontación lideradas polos EUA trastornaría os equilibrios non só en Asia, senón tamén no mundo. O acerto estratéxico de China reside en que a súa política non a leve polo rumbo errado.