Abinader, reelixido como presidente na primeira volta na República Dominicana

Luis Abinader celebrou na madrugada da segunda feira os resultados. (Foto: PRM)
A oposición denuncia irregularidades por "compra masiva" de votos.

Luis Abinader, do Partido Revolucionario Moderno (PRM), fíxose cun segundo mandato como presidente da República Dominicana, confirmou na madrugada da segunda feira o reconto.

Abinader non precisou dunha segunda volta ao imporse nas eleccións xerais do domingo con case 60% dos sufraxios e máis de 30 puntos en relación ao segundo clasificado, o ex presidente Leonel Fernández, da Forza do Pobo (FP).

Aínda que en teoría o PRM e a FP se consideran formacións progresistas, as tres candidaturas principais nestes comicios, engadindo a do Partido da Liberación Dominicana (PLD), ostentaban unha oferta conservadora moi similar, conclúe o antropólogo social dominicano Bernardo Matías, tras unha campaña centrada na crise na veciña Haití.

En todo caso, a FP e o PLD denunciaron unha “compra masiva” de sufraxios por parte do PRM, e o primeiro partido informou de que presentou unha denuncia na Xunta Central Electoral, que retrucou sinalando que non recibiu reportes ao respecto desas irregularidades durante o proceso.