Acordo na COP26 para frear e reverter até 2030 a deforestación no planeta
Arredor de 100 Estados pactaron esta terza feira en Glasgow (Escocia) o primeiro acordo de envergadura da COP26, a Conferencia das partes sobre o cambio climático das Nacións Unidas, ao comprometerse a “deter e reverter a deforestación e a degradación da terra” até 2030, informou o Goberno británico, anfitrión da cimeira.
Os países asinantes do acordo acollen o 85% dos bosques do mundo, nun documento no que os 28 territorios máis industrializados -que representan o 75% do comercio mundial de produtos vencellados á deforestación- responsabilízanse de diminuír a presión sobre as masas boscosas e mellorar a transparencia das cadeas de subministración dos produtos que impulsan a talla de árbores no mundo, como o aceite de palma, a soia ou o cacao.
A declaración foi subscrita pola Unión Europea, China, Colombia, Costa Rica, Indonesia, os Estados Unidos, o Reino Unido, República Democrática do Congo, o Canadá, o Perú, Rusia, Turquía, Ecuador, Honduras e Brasil, entre outros.
Fondo de 16.540 millóns
No acordo, que non é vinculante, inclúese a obriga de achegar até 2030 10.340 millóns de euros por parte do sector público e 6.200 millóns de euros procedentes de fondos privados para encetar este desafío.
Deste investimento, 2.585 millóns de euros irán destinados a acelerar a produción de soia e gando libre de deforestación en América do Sur, por medio da iniciativa Finanzas innovadoras para a Amazonia, o Cerrado e o Chaco.
Outro dos aspectos que inclúe a resolución é o recoñecemento da necesidade de protexer a bacía do Congo, onde se sitúa a segunda selva tropical máis grande do planeta, polo que 1.290 millóns de euros dirixiranse a salvagardar este ecosistema.
Amais, 948 millóns de euros orientaranse a promover solucións baseadas na natureza e na bioeconomía, neste punto, 30 empresas financeiras coma Schroders, Axa, East Capital Group o NEI Investment asinaron un compromiso “para eliminar o investimento en actividades vencelladas coa deforestación”.
Violacións sistemáticas
Estas actividades están dirixidas e fomentadas polos Estados máis industrializados. Ademais da talla para expandir a superficie adicada á agricultura, a corta ilegal de árbores para prover o mercado da madeira pon en risco masas boscosas como no caso da República Democrática do Congo.
Un estudo da entidade Global Witness revela que a Unión Europea é un dos principais clientes dun mercado que move arredor de 90 millóns de euros anuais. A pesar do marco legal, “as compañías están violando de xeito sistemático as leis sociais, ambientais e tributarias”, advertía Alexandra Pardal, directora do estudo.
O Instituto de Recursos Mundiais estima que os bosques absorben o 30% de todo o CO2 emitido, asemade, segundo a ONU, o corte de masa de árbores representa case unha cuarta parte das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Dereitos indíxenas
Malia o optimismo xerado por este acordo, as críticas non se fixeron agardar. A investigadora sénior do grupo de estudos políticos Chatham House, Alison Hoare, lembrou nunhas declaracións ao medio inglés The Independent que xa en 2014 os líderes mundiais prometeran pór fin á deforestación en 2030, “mais desde entón a deforestación acelerouse en moitos países”. No comunicado que fixo público onte o acordo na COP26, o Goberno británico admitiu que cada minuto desaparece o equivalente a 27 campos de fútbol de superficie boscosa.
Na súa intervención, Hoare sostivo que “para que teña éxito fan falla procesos inclusivos e marcos legais equitativos, así como que os Executivos traballen coa sociedade civil, negocios e pobos indíxenas para acordar os procesos, supervisalos e aplicalos”.
A meirande parte das institucións en defensa do medio ambiente amosáronse cautas antes de coñecer o contido íntegro do pacto, por mor de que non é a primeira vez que un acordo destas características acaba por non se implementar e resultar ineficaz, apunta Human Rights Watch.
A investigadora da asociación, Luciana Téllez Chávez, defendeu que os dereitos dos pobos indíxenas terían que formar parte do acordo, co gallo de que axudan a previr a deforestación.
Nesa liña, Javier Andaluz, membro da Rede de Acción polo Clima e observador do cumio, salienta que 2030 é demasiado tarde, "a ciencia indícamos que esas masas ecosistémicas, que son sumidoiros de carbono, deben estar no seu mellor estado para poder absorber as emisións", resolve.
Pacto sobre o metano
Outro dos acordos asinados onte na COP26 entre un centenar de Estados implica as emisións de metano, un dos gases de efecto invernadoiro de maior impacto. "Xuntos estamos a comprometernos de forma colectiva a reducir as nosas emisións de metano un 30% en 2030", sinalou Joe Biden, presidente dos EUA, no anuncio do pacto.