Adeus a X en Brasil: un xuíz ordena o bloqueo da rede social

O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).

O Tribunal Supremo fixou multas diarias de até 8.000 euros para que intente sortear a prohibición.

O xuíz do Tribunal Supremo de Brasil Alexandre de Moraes ordenou esta sexta feira a suspensión da rede social X como represalia por non designar un representante legal para o Estado suramericano, nunha nova escalada do pulso contra o conglomerado empresarial de Elon Musk.

De Moraes xa notificou a decisión á Axencia Nacional de Telecomunicacións, que ten agora 24 horas para aplicala. Ademais, as tendas on line de Apple e Google deberán retirar a aplicación de X nun máximo de cinco días.

O xuíz decreta multas diarias de até 50.000 reais (uns 8.000 euros) contra as persoas ou empresas que utilicen medidas alternativas para sortear a prohibición e acceder a X, a rede social antes chamada Twitter e agora propiedade do magnate Elon Musk.

A empresa, á que se lle reclaman en Brasil multas por valor de 18 millóns de reais (perto de 2,9 millóns de euros) por negarse a cumprir as decisións do Tribunal Supremo —sobre todo ordes de bloqueo de perfís bolsonaristas e de extrema dereita—, xa dera por feito que era cuestión de horas que De Moraes ordenara o feche. Nun comunicado, avisou de que “non cumprirá as ordes ilegais para censurar opositores políticos”.

Para evitar as sancións, Elon Musk decidiu fechar a oficina de X en Brasil, pero a lexislación brasileira obriga a que as empresas que operan no país teñan unha mínima representación legal no seu territorio, motivo polo cal De Moraes ordenou o seu bloqueo no Estado.

Contra os "discursos fascistas"

Musk, que acusara nas últimas horas o presidente Luiz Inácio Lula da Silva de ser “o can faldreiro” do maxistrado Supremo, volveu cargar contra De Moraes tras confirmarse o bloqueo. “A liberdade de expresión é a pedra angular da democracia e un pseudoxuíz que no foi elixido en Brasil esta a destruíla con obxectivos políticos”, declarou.

O propietario de X tamén criticou de maneira directa a ameaza de multa contra quen intenten acceder a X: “O réxime represor de Brasil ten tanto medo de que a xente saiba a verdade que levará á ruína a quen o intenten”.

Con todo, segundo o xuíz De Moraes, existe un perigo inminente que consiste na instrumentalización da rede social X en Brasil “a través da actuación de grupos extremistas e milicias dixitais nas redes sociais, cunha masiva divulgación de discursos nazis, racistas, fascistas, de odio e antidemocráticos”.